PolíticaÚltima hora

Gonzalo Caballero: “Estase a mobilizar o electorado progresista e imos acadar un vento de cambio nas eleccións galegas”

O candidato socialista a presidencia da Xunta presenta en Ourense á candidatura provincial ao 5A, que encabeza Marina Ortega e cuxo número 4 é o barquense Eduardo Ojea

 

As políticas sociais “son o ADN do partido socialista e, sobre todo, as adicadas ás persoas maiores”. Destacaba o candidato do PSdeG á Xunta de Galicia nas vindeiras eleccións do 5 abril, Gonzalo Caballero, este 9 de marzo en Ourense. Asistía na cidade das Burgas ao acto de presentación da candidatura provincial socialista, que encabeza Marina Ortega e cuxo número catro é o barquense Eduardo Ojea.

Tamén manifestaba Caballero o seu “compromiso cos maiores para paliar o déficit de Feijóo despois de 11 anos á fronte da Xunta. ¿Cantas residencias públicas fixo en Ourense? O resultado é nulo”. Nese senso, avogaba por promover as políticas sociais incidindo en dúas cuestións principais: “axilizar os expedientes para determinar os casos de dependencia, garantindo que todos os cidadáns con ese dereito vexan como se fai efectivo con carácter inmediato nada máis se lles recoñeza”, e facer unha “planificación das residencias para maiores cun plan estratéxico que permita un investimento claro e cun capítulo para as prazas en centros de día”.

 

Os cabezas da lista socialista na provincia de Ourense, entre eles o valdeorrés Eduardo Ojea.

 

O candidato socialista á presidencia da Xunta resaltaba que en “Galicia hai un vento de cambio que vai ser imparable o día 5 de abril. Estase a mobilizar o electorado progresista e imos acadar un cambio de ciclo. Temos as pilas cargadas e os deberes feitos, por iso facemos un chamamento á mobilización e á esperanza”. E, nese senso, o partido socialista “presenta as mellores candidaturas, cos mellores perfís, co mellor proxecto de Galicia, para que poidan dar resposta á demanda de cambio do 61% dos galegos”, engadía.

E aludindo directamente á candidatura ourensá, Caballero sinalaba que inclúe a “mulleres e homes comprometidos, unha mestura de renovación e experiencia, que está encabezada por Marina Ortega e Juan Carlos Francisco, que xa lideraban as candidaturas nas eleccións xerais. Este é un equipo ganador e para transformar Galicia”.

 

Gonzalo Caballero, candidato socialista á presidencia da Xunta de Galicia.

 

Despos de Ortega e Francisco, sitúase na lista a ourensá Carmen Rodríguez Dacosta, quen accedeu á Cámara galega hai uns meses, e no cuarto posto atópase Eduardo Ojea (O Barco de Valdeorras). Catro ourensáns máis, Elena de Prada, José Antonio Novoa (Xuventudes Socialistas), Marina Tallón e Miguel Ángel Rodríguez Ojea, atópanse nos números cinco, seis, sete e oito. Bibiana Iglesias, de San Cibrao, sitúase no número nove, antes de José Rodríguez (A Mezquita). Antonio Rodríguez, quen fora secretario xeral do PSdeG, pecha a lista de Ourense, de onde é natural, a xeito simbólico de apoio ao proxecto socialista de cara ao 5 de abril.

Gonzalo Caballero lembraba que nas eleccións do pasado ano 2019 o partido socialista lograba uns resultados “históricos” na provincia e resaltaba que “ese motor de cambio en Ourense vai sumar ao resto de Galicia para conseguir que Feijóo perda a posición maioritaria, para que o PP perda polo menos dous deputados en Ourense”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button