PolíticaÚltima hora

Gonzalo Caballero: “Galicia necesita unha nova política de vertebración territorial que atenda ao rural”

O secretario xeral dos socialistas galegos mantiña neste mediodía unha xuntanza de traballo en Castro Caldelas con alcaldes e concelleiros do partido das comarcas de Terras de Trives e Caldelas

 

Ata a vila de Castro Caldelas desprazábase nesta mañá de 10 de xaneiro o secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, para manter unha xuntanza de traballo con alcaldes socialistas e concelleiros do partido das comarcas de Terras de Trives e Caldelas, á que tamén asistían os representantes socialistas por Ourense no Congreso e no Senado.

A alcaldesa caldelá, Sara Inés Vega, expresaba a súa satisfacción por esta visita, considerándoa “o inicio desa colaboración para tantas cousas que hai que apoiar nesta zona, que ademais esperamos que pronto sexa patrimonio mundial. Que o secretario xeral veña a escoitarnos e a oír as nosas inquedanzas é moi importante, é o punto de partida para empezar a traballar”.

Ao seu carón, Gonzalo Caballero, poñía en valor o traballo dos alcaldes e dos concelleiros socialistas desas dúas comarcas “para impulsar unha Galicia interior máis dinámica” e resaltaba que o “PP abandonou o medio rural galego, esqueceuse dos pequenos concellos desa Galicia interior, da necesidade de ter servizos públicos, investimentos, de ter infraestruturas, das necesidades en sanidade e educación, que son prioritarias, das necesidades en residencias e en axuda aos nosos maiores e dependencia, e os alcaldes teñen que facer un gran traballo para conseguir resistir porque a Xunta non cumpre os concellos e coa cidadanía”.

Neste senso, o secretario xeral dos socialistas galegos aseguraba que “Galicia necesita unha nova política de vertebración territorial que atenda ao medio rural. Temos agora un goberno en España que vai poñer a súa atención, esforzo e traballo no tema da revitalización demográfica do medio rural e no tema da Galicia e da España que se baleira. Necesítase unha vertebración territorial que aposte de forma decisiva polo rural para que calquera neno ou nena, independentemente de onde naza, teña os mesmos dereitos”.

Ademais plantexaba a necesidade de “construír unha rede de xestores que xere unha actuación estratéxica para o desenvolver o rural galego, para loitar contra a despoboación e para apostar polos pequenos concellos”.

Tamén incidía en que “en España hai un goberno sólido, progresista, cun proxecto de goberno e cun proxecto de país, mentres que Feijóo perdeu o rumbo e a orientación política”.

 

Gonzalo Caballero durante a visita realizada a Parada de Sil./ Foto cedida.

 

Visitas a Parada de Sil, Trives e Manzaneda

Caballero cualificaba de “intensa” a axenda deste venres 10 de xaneiro que se iniciaba cunha visita a Parada de Sil, seguía coa xuntanza de traballo en Castro Caldelas. Despois, o secretario xeral do PSdeG-PSOE Trives, onde compartía un xantar con alcaldes, concelleiros e compañeiros socialistas, e pola tarde tamén estaba programada unha viaxe a Manzaneda.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

O secretario xeral dos socialistas galegos en Trives./ Foto cedida.

 

Visita a unha granxa en Trives./ Foto cedida.

 

Caballero tamén se achegaba ata a Estación de Montaña de Manzaneda./ Foto cedida.
O alcalde de San Xoán de Río e a rexedora de Trives con Gonzalo Caballero./ Foto cedida.

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button