PolíticaÚltima hora

Gonzalo Caballero, proclamado candidato socialista á presidencia da Xunta

Este acto contaba coa asisencia de centos de persoas e de distintos cargos públicos e orgánicos socialistas, como o ex presidente da Xunta Emilio Pérez Touriño; a ministra de Traballo, Magdalena Valerio
Gonzalo Caballero intervindo no acto de proclamación como candidato socialista á presidencia da Xunta.

É o momento de “resetear a política galega” para acometer “un cambio de ciclo que é necesario na nosa comunidade”. Así o aseguraba o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, no seu acto de proclamación como candidato á presidencia da Xunta neste domingo 11 de novembro en Santiago de Compostela.

Así, unha vez resolto todo o calendario interno do partido, e cando se cumpre un ano da súa elección como líder dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero deixaba claro a Alberto Núñez Feijóo na súa intervención que “cando queira convocar as eleccións, estamos preparados para o cambio, que chegará porque Feijóo non será quen de revalidar a súa maioría”.

Caballero considera que a folla de ruta que está seguindo a dereita “déixanos nunha situación agónica”. E, nese senso, contrastou o “relato do gran xestor” coa realidade dunha Galicia “con menos poboación e máis envellecida”, con “menos traballo”, cun medio rural “abandonado e sen impulso” e cun “deterioro sen precedentes” nos seus servizos públicos.

En contraposición, Gonzalo Caballero afirmaba que o partido socialista está “en condicións de liderar unha maioría social clara”, formando “unha ampla coalición social con centos de milleiros de galegos que queren o cambio”. “O PSdeG é a casa común aberta para o progreso dos galegos e das galegas”, recalcou. Por iso garantiu “traballo” para poñer en marcha un proxecto que permita “abrir un novo ciclo en Galicia. Somos a esquerda na que se pode confiar”, dixo. Expoñía tamén as claves dese proxecto, que pasan por “unha política económica activa” que contribúa a desenvolver todas as potencialidades do país e sirva para “fortalecer” os servizos públicos trala “desfeita que deixa Feijóo. Temos que ser quen de abrir oportunidades e de dar calidade de vida aos galegos”.

O líder do PSdeG amosou o seu “orgullo” polo seu partido en presenza de centos de persoas e de distintos cargos públicos e orgánicos socialistas, como o ex presidente da Xunta Emilio Pérez Touriño; a ministra de Traballo, Magdalena Valerio; os alcaldes de Vigo e Lugo, Abel Caballero e Lara Méndez, entre outros moitos de diferentes vilas de Galicia; o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada; e os presidentes das deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra, Valentín González Formoso, Darío Campos e Carmela Silva, respectivamente.

Nese contexto, reafirmouse en que “Galicia merece un cambio” e que “non podemos conformarnos nin resignarnos co relato que nos deixa a dereita”. “Este partido, se quere, pode”, animou Gonzalo Caballero, convencido de que “se a militancia se activa, temos a forza” para desaloxar á dereita.

Intervencións de Emilio Pérez Touriño e de Magdalena Valerio

No acto interviña tamén Emilio Pérez Touriño, quen destacou a elección de Gonzalo Caballero como candidato á presidencia da Xunta pola súa “capacidade, compromiso e liderado” e apelou ao “esforzo de todos” para devolver un socialista ao goberno galego.

Sobre todo, como dixo, porque o goberno actual “carece de proxecto e de ambición” e “desgraciadamente, Galicia non vai ben”. “En demografía, en desequilibrio territorial, en servizos públicos, en emprego”, enumerou o expresidente. Neste contexto, subliñou que “é o momento” de presentar un proxecto “ilusionante, confiable, crible” e que dea “progreso e prosperidade”. “Temos que conquistar o futuro para todos e todas”, concluíu Touriño.

Ademais tomaba a palabra a ministra de Traballo, Magdalena Valerio quen sinalaba que Gonzalo Caballero ten “todas as bases” para converterse no próximo presidente da Xunta: “capacidade, solidariedade, feminismo, xustiza social”. E, tras recordar que estaba en Galicia cando Touriño foi investido presidente, amosou as súas ganas de vir en persoa á do secretario xeral do PSdeG. “É a hora”, dixo, “de que as políticas enfocadas á calidade de vida e aos dereitos das persoas que está poñendo en marcha o executivo de Pedro Sánchez poidan desenvolverse en Galicia dende o ámbito autonómico”.

Artigos relacionados

Back to top button