PolíticaÚltima hora

Gonzalo Caballero reclama “axudas directas” para o sector das festas de Galicia

O secretario xeral do PSdeG demanda á Xunta “interlocución” e protocolos para un sector que “é moi importante para a economía de moitas familias”

 

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, e a voceira de Comercio do Grupo Socialista, Leticia Gallego, mantiveron hoxe unha xuntanza co presidente da asociación de Servizos de Festas de Galicia (SERFEGA) para abordar as inquedanzas do sector. “Hai que dar axudas directas ao sector das festas para que poidan sobrevivir porque en Galicia non podemos deixar a ninguén na cuneta”, reivindicaba Gonzalo Caballero.

Ademais apuntaba que “é necesario que a Xunta de Galicia se converta en aliado dos sectores máis afectados pola pandemia, que lles dea interlocución, axudas e posibilidades para subsistir e tamén para poder desenvolver a súa actividade sempre que existan os protocolos necesarios para combater o virus”.

Neste senso, o líder dos socialistas galegos cualificaba o papel do sector das festas en Galicia como “moi importante para a economía de moitas familias”, polo que, “mentres non se lles permite ter actividade, hai que poñer fondos nas súas mans” porque “teñen que sobrevivir eles, os seus empregados e as súas familias. Teñen que chegar a fin de mes”, subliñou.

“Cando estamos nunha gran crise, a administración autonómica non lle pode dar ás costas aos sectores mais afectados”, advertiu o dirixente socialista. “Ten que reunirse con eles, establecer protocolos para que, cando se dean as circunstancias sanitarias oportunas, se poidan desenvolver os eventos con todas as garantías”, reivindicou.

Nesta liña, o líder do PSdeG sinalou que a Xunta “ten unha inxente cantidade de fondos públicos” grazas a máis de 1.100 millóns de euros extraordinarios que o goberno de España transferiu aos orzamentos da Xunta de Galicia para abordar as circunstancias derivadas da pandemia.

Doutra banda, o presidente de SERFEGA, José Veiga, censurou a falla de interlocución da Xunta de Galicia cando “non nos escoita” e tampouco “aos galegos que queren festas seguras. Queremos protocolos. Prometérono, pero non o fan, e non se nos permite traballar cos protocolos do ocio nocturno”, lamentou.

Artigos relacionados

Back to top button