PolíticaÚltima hora

Gonzalo Caballero reivindica ante o Comité Nacional un “PsdeG útil”

O líder socialista sinala a reactivación de Galicia como “única prioridade” e garante que o PSdeG está “con toda a forza para seguir defendendo á xente” dende “unha alternativa de progreso”

 

O PSdeG-PSOE celebraba hoxe en Santiago o seu Comité Nacional, que marca o reinicio da actividade orgánica logo das restricións derivadas da pandemia. Ante el, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, reivindicaba un partido “útil” a Galicia, na medida en que conta “cun proxecto galeguista e federalista, feminista, verde e de esquerdas” e que ten como “único obxectivo servir aos galegos e ás galegas”.

Caballero iniciaba a súa intervención cunhas palabras de recordo a Isaura Abelairas e Paloma Rodríguez, coas que deu paso a un minuto de silencio na súa honra e polos asasinatos machistas dos últimos días. A continuación, Gonzalo Caballero puxo en valor o traballo levado adiante por Javier Losada como delegado do goberno en Galicia e resaltou “o magnífico relevo” que tivo en José Miñones.

Así mesmo agradeceu á militancia do PSdeG “o acompañamento, a forza e os folgos” na súa tarefa de “traballar por Galicia”. “Todos xuntos estamos nas mellores condicións para facer fronte aos retos do futuro e para traballar por unha Galicia mellor”, concluíu, asegurando que “ese é o meu compromiso”.

Neste contexto de pandemia Caballero aseguraba que “a única prioridade é a reactivación de Galicia e saír da crise apoiando ás persoas cun modelo que loite contra a desigualdade, xere emprego e fortaleza os servizos públicos”. Caballeiro incidía en que “non podemos permitirnos máis cicatrices sociais nas crises, seguir perdendo xente nova en Galicia…”, ao tempo que requiriu á Xunta que poña nas mans da xente os 234 millóns de euros que lle transferiu o goberno de España “hai un mes para dar axudas directas a pemes e autónomos”.

O líder do PSdeG subliñou que cómpre “estar á altura” do que a cidadanía pide e seguir sendo “unha oposición responsable”. Do mesmo xeito que hai 40 anos os socialistas practicaron “a mellor política para aprobar un Estatuto de Autonomía que convertera a Galicia nunha comunidade de primeira, agora é tempo de buscar acordos para sacar o país adiante a pesares da irresponsabilidade que está amosando o PP tamén dende a Xunta”.

Ademais, Caballero situou a xeración do emprego de calidade como cuestión clave na saída da crise e defendeu tamén a necesidade de impulsar os servizos públicos que xa chegaron “debilitados” á pandemia a causa da falla de compromiso do PP dende a Xunta.

Logo de apuntar que Galicia se atopa no posto “número 13 das 17 comunidades de España” en desenvolvemento dos servizos sociais e de sinalar o incremento das listas de espera para operacións (18 días máis) ou para consultas co especialista (8 xornadas adicionais), Gonzalo Caballero subliñou que cómpre “fortalecer” a sanidade pública con 5.000 novas prazas estables, reformar o modelo de residencias de maiores e manter os profesores que se contrataron na educación pública ao longo deste curso académico.

“Non renunciamos ao noso compromiso coa xustiza social e a igualdade dende hai 140 anos”, subliñou, como responsable dun proxecto “de esquerdas e feminista” e cun compromiso ecoloxista: “non hai unha Galicia B: ou a coidamos ou estaremos recortando o dereito ao futuro”.

Caballero fixo fincapé en que “temos que seguir liderando a resposta fronte á crise” e asegurou que o PSdeG está “con toda a forza para seguir defendendo á xente” e sendo “a alternativa de progreso”. E sinalou as eleccións municipais como o seguinte reto electoral do PSdeG, no ano 2023 ao igual que os comicios xerais. “Seguiremos traballando para incrementar a nosa capacidade de gobernar a prol das persoas”, engadiu.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button