PolíticaÚltima hora

Gonzalo Caballero: “Somos a garantía para unha saída social desta crise económica”

O candidato socialista á presidencia da Xunta visitou nos últimos actos de campaña as cidades de Ourense, Lugo, Pontevedra e Vigo

O candidato do PSdeG-PSOE á presidencia da Xunta nas eleccións do vindeiro 12 de xullo, Gonzalo Caballero, visitou nos últimos actos de campaña as cidades de Ourense, Lugo, Pontevedra e Vigo.

 

 

O candidato chamou á mobilización do voto “de progreso, que quere que Galicia avance”, e solicitou o apoio ao PSdeG como a “marca orixinal que se basee na defensa da sanidade, da educación, das residencias públicas, para saír da crise con máis estado do benestar e cunha nova política económica e industrial que xere emprego de calidade para que ninguén quede na cuneta”.

Poñendo como referencia a súa traxectoria como economista, alegou que “quero poñer todo o meu coñecemento para reconstruír economicamente o país, pensando na xente e nunha Galicia que necesita un impulso. Somos a garantía para unha saída social desta crise económica”.

“Imos cumprir con Ourense porque temos un compromiso coa cidade”

 

 

Por outra banda, na súa visita á cidade de Ourense afirmou que “imos cumprir con Ourense porque temos un compromiso coa cidade”. Ademais, anunciou que de proclamarse presidente da Xunta “vou mudar o proxecto da estación da man do Goberno de España co que imos ter a máxima colaboración”.

Durante o acto na Praza das Mercedes da capital ourensá, Caballero aseverou que “de aquí ao domingo temos que poñer a sexta marcha para gañar o goberno” porque “logo de 11 anos de PP, Galicia necesita abrir as fiestras cun goberno de progreso para saír desta crise pola esquerda”. O candidato salientou que “estamos comprometidos con esta cidade e esta provincia” fronte a Feijóo que “puxo de alcalde a un home que definira como letal para Ourense” a través “dun acordo da indignidade”.

“Galicia non se pode permitir catro anos máis de falta de proxecto”

Referíndose ao goberno do PP, definía o seu labor como un tempo de “recortes continuos dos servizos públicos e dunha dereita que non conectou co país. Hai 40.000 galegos que están en risco de pobreza e exclusión por esta crise”.

Ademais, recordou que Feijóo “recortou en 2.000 millóns as inversións en sanidade pública, privatizou residencias e, en 11 anos, temos 1.000 profesores menos e destruiu 70.000 empregos”.

 

Durante o acto en Ourense.

 

En materia de sanidade, prometeu a creación de 5.000 prazas estables, e 2.000 prazas públicas para as residencias de maiores. “Quero facer da sanidade pública a bandeira dun goberno progresista. Se o PSdeG goberna constituiremos a Consellería de Saúde Pública”.

Así, no caso da educación, asegurou a volta do sistema de libros de texto gratis, o primeiro ano dos graos universitarios de balde, e a concesión dun ordenador portátil para cada alumno.

“Fixemos unha campaña de intensidade e imos seguir a traballar”

 

 

O candidato socialista pedía “un apoio maioritario desta Galicia que vibra, que está en pé, da vosa Galicia que se ergue, xa que fixemos unha campaña de intensidade e imos seguir a traballar arreo para que nestas eleccións haxa un cambio en Galicia”.

Así, facía un repaso da súa traxectoria recente no partido: “foron dous anos de enorme intensidade, o partido acadou resultados históricos, sendo nas eleccións nacionais a primeira forza política. Gobernamos en 5 das 7 grandes cidades, 3 das 4 deputacións e máis de 100 concellos”.

Para rematar, afirmaba que “estou aquí porque creo que Galicia merece algo mellor e creo que podo aportarlle un goberno de progreso. Eu voume erguer, como fago cada día, para traballar por unha Galicia mellor. Con toda a forza e toda a ilusión, por Galicia, a gañar”.

Fotos: Carlos G. Hervella

 

Gonzalo Caballero durante un mitín en Ourense.

 

Artigos relacionados

Back to top button