Galerías de fotosOurenseÚltima hora

Gonzalo Pérez Jácome colle o bastón de mando na cidade de Ourense

O cabeza de lista de Democracia Ourensana asume a alcaldía da cidade, tras o acordo que se facía público na tarde de onte entre este partido e o PP

Coa formación da mesa de idade iniciábase neste sábado 15 de xuño ás dez da mañá a sesión plenaria constitutiva da Corporación municipal de Ourense na nova lexislatura na que tomaban posesión un total de 27 concelleiros: 9 do partido socialista, 7 do PP, 7 de Democracia Ourensana, 2 do BNG e 2 de Ciudadanos.

Tras os acordos anunciados na tarde de onte entre o PP e Democracia Ourensana (que tamén lle garante ao PP a continuidade á fronte da Deputación) para formar un goberno de coalición liderado polo cabeza de lista de DO, Gonzalo Pérez Jacóme, o pleno discorría segundo o previsto, sendo investido como novo alcalde Jácome.

Nada máis asumir o cargo, o novo rexedor da cidade das Burgas agradecía o respaldo daquelas persoas que votaron o 26M á DO e tamén “ao pobo de Ourense e ás diversas combinacións que nos trouxeron ata aquí, a partir de agora non só serei o alcalde da que xente que nos votou, senón de todos os ourensáns”, dicía.

Lembraba que a súa chegada á alcaldía coincide coa maioría de idade de D.O., “que se fundou un mes de xuño de hai 18 anos”, e que esta é a terceira vez que tomaba posesión como concelleiro. Ademais Pérez Jácome destacaba que esta “debe ser a primeira vez que un partido independente se fai cunha capital de provincia, algo que é tremendamente difícil”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button