CulturaCulturaEducaciónÚltima horaVídeos

Graduación do alumnado de 2º de Bacharelato do IES Martaguisela do Barco

 

O salón de actos do IES Martaguisela do Barco convertíase na tarde deste 15 de xuño en escenario dun acto moi especial e agardado: a graduación do alumnado de 2º de Bacharelato. No decurso desta cerimonia había intervencións dunha representante do equipo docente do centro, quen incidía en que o diploma que hoxe recibía o alumnado era un vínculo que os une con “este profesorado e, á vez, con este instituto, no vínculo cos vosos compañeiros de promoción, co pasado, co camiño percorrido e co aprendido”. Un vínculo que é, ademais, o “umbral do voso futuro”.

Tamén interviña unha representante dos pais e mais dos estudantes, quen iniciaba o seu dicurso dirixíndose ao profesorado “e a todas as persoas que contribuíron á vosa formación. Moitas grazas por estar aí, por ese labor continuo e tantas veces incomprendido, por ese traballo cuxos froitos estamos agora vendo”. E logo referíase aos protagonistas desta xornada: o alumnado. “Creo que sodes unha promoción especial porque nun momento crucial das vidas apareceu, sen previo aviso, a pandemia”, pero “aquí estades, mellor ou peor chegastes a porto. E por iso creo que seredes capaces de encarar o voso futuro, de triunfar naquilo que vos propoñades”. E concluía sinalando que “ides comezar unha nova etapa das vosas vidas” na que “ás veces os pasos serán longos, outras veces serán curtos, pero non paredes nunca de camiñar”.

 

 

Finalmente, tomaba a palabra o alumnado, representado por Sara e Julia, que, con humor, pero tamén con agarimo e emoción lembraban esta etapa no instituto, “anos de aprendizaxe, de risas, de choros, pero sobre todo de evolución. Non seríamos as persoas que somos hoxe sen ter feito todo este percorrido”. Ademais, amosaban o seu orgullo como alumnas “de poder estar aquí, entre todos os nosos compañeiros”. E, por suposto, amosaban o seu agradecemento ao profesorado.

 

 

O acto da graduación incluía tamén a actuación de Mauro, á gaita, unha emotiva proxección de fotos dos estudantes que agora se gradúan no IES Martaguisela, e coa entrega de diplomas e a imposición bandas. Ademais a directora do centro, Carmen Gamarra, se dirixía ao alumnado ao final do acto, e o profesor Domingo Rodríguez aproveitaba o acto para anunciar a súa despedida da docencia con motivo da súa xubilación.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button