EconomíaEconomíaEn portadaGalerías de fotosÚltima hora

Gran preocupación entre os apicultores pola invasión da velutina no oriente ourensán

No que vai de primavera xa se levan collido na zona unhas 400 raíñas, segundo a Asociación Valdeorresa de Apicultores, que pide a colaboración dos cidadáns para localizar os niños e tamén máis implicación das administracións locais ante esta problemática
Niño de raíña de velutina, atopado nesta primavera na Rúa./ Foto cedida.

A gran cantidade de raíñas de Vespa velutina capturadas nesta primavera na parte oriental da provincia de Ourense, e mesmo na zona lucense de Quiroga e na leonesa do Puente de Domingo Flórez, fai saltar a alarma entre os apicultores da zona. “Estamos preocupadísimos pola gran cantidade de raíñas que estamos recollendo, vémonos desbordados. Estamos invadidos e isto vai supoñer un problema moi grave xa neste verán, non só para os apicultores senón para a sociedade en xeral, e o ano que vén será aínda peor”, advirte o presidente da Asociación Valdeorresa de Apicultores, Armando Rodríguez.

Segundo os datos que manexa esta entidade, no que vai de primavera xa se levan collido unhas 460 raíñas de velutina en diferentes puntos da comarca de Valdeorras (entre eles A Rúa, O Barco, Vilamartín, Petín, Rubiá e mesmo A Veiga), pero tamén na de Terras de Trives, en lugares como o municipio de Chandrexa de Queixa.

Ante esta situación os apicultores solicitan unha maior implicación das administracións locais na loita contra esta praga e tamén piden a colaboración dos veciños. “Facemos un chamamento para que vixilen e revisen os saíntes dos tellados, as terrazas, os alpendres, garaxes… Que miren nas zonas recollidas e orientadas cara o sur por se localizan algún niño primario. Se é así, que avisen ao 012 ou ao Concello para que se proceda retiralo adecuadamente. Isto é importante porque se simplemente o quitan, a raíña pode fuxir e facer o niño noutro lugar, co cal seguiría o seu ciclo”, explica Armando Rodríguez, presidente da Asociación Valdeorresa de Apicultores.

 

Exemplares de Vespa velutina./ Foto cedida.

 

Os niños da Vespa velutina son de cor marrón pardo e por cada un que se retire evítanse 50 niños no ano seguinte.

Artigos relacionados

Back to top button