En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Gran vitoria do CD Barco en casa ante a UD Barbadás

O deputado provincial de Deportes, Juan Anta, aproveitou o derbi ourensán para inaugurar a nova iluminación no campo de fútbol barquense

Depois do empate a dous goles no partido de ida, quizais se esperaba máis dinamismo do segundo derbi ourensán de fútbol de terceira división entre o C.D. Barco e a UD Bardadás, no partido disputado na tarde do 22 de xaneiro en Calabagueiros. Tras unha primeira parte bastante sosa, o partido intensificábase na segunda metade pero houbo que esperar ata o minuto 78 para que a afección barquense pudera disfrutar do gol de Cristóbal, decantándose o encontro a favor dos locais. E iso que o árbitro interrumpía constantemente o xogo pitando faltas e sacando varias tarxetas amarelas (polo Barco, Corzo saía do campo por dobre cartón e o míster Javi Rey eran expulsado).

Aínda así, malia contar cun xogador menos no campo e xa sen o adestrador, os xogadores do Barco souberon defender o gol e manter o resultado ata o final (1-0), sumando tres puntos que saben a gloria.

Unha vez máis as bancadas de Calabagueiros enchíanse de afeccionados e entre eles estaban o concelleiro de Deportes do Barco, Aurentino Alonso; o alcalde, Alfredo García; e o deputado provincial de Deportes e alcalde da Veiga, Juan Anta, para asistir e desfrutar do derbi e tamén inaugurar oficialmente a nova iluminación do campo (boa parte do encontro disputouse xa de noite). O estadio barquense conta agora con 4 torres de 18 metros de altura con 5 proxectores cada unha e un xerador. Cada torre ten 10.000 vatios de potencia que “permiten cumprir a normativa vixente sobre os niveis de iluminación precisos para este tipo de instalacións: 200 lux para competición e 70 para adestramentos”, explican dende o Concello.

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button