ConcellosÚltima hora

Grandes festas en Carballeda de Valdeorras

Actos ha honra a Nosa Sra. do Carballal do 6 ao 8 de setembro
Panorámica do pobo de Carballeda de Valdeorras.
Panorámica do pobo de Carballeda de Valdeorras.

Un ano máis, a ermida do Carballal, construída en pedra hai máis de dous séculos nun terreo da comunidade de montes de Carballeda, Bascois e Santa Cruz (concello de Carballeda de Valdeorras), será o eixe sobre o que xiren as festas na honra a Nosa Señora do Carballal, cuxa imaxe se conserva no seu interior, e que se celebrarán do 6 ao 8 de setembro.

Para que todos disfruten dunha fin de semana festiva, dende a comisión de festas organizaron, igual que o ano pasado, un programa ao que non lle falta detalle. Para comezar, o sábado día 6 pola tarde e tamén pola noite a discoteca A Boa Festa, porá o acento musical ata a madrugada, enchendo cada recurcho do pobo de son actuais e moi festivos.

Interior da Ermida do Carballal.
Interior da Ermida do Carballal.

O día seguinte, domingo 7 de agosto a charanga Celtas Largos será a encargada de facer o pasarrúas polo pobo anunciando o día festivo e en torno ao mediodía, comerase un xamón na sesión vermout “tódolos anos se fai así que hai que mantelo” explican dende a comisión de festas. Outro dos actos tradicionais que se manteñen este ano son os campionatos de bolos e de baile, así como unha carreira de sacos para os máis pequenos. Ese día pola tarde e tamén na sesión verbena, o baile correrá por conta da orquestra Fin de Siglo que animará o ambiente ata ben entrada a madrugada. Nese momento no que a verbena toque ao seu fin e a orquestra comece a despedirse, haberá chocolate con churros para tódolos asistentes.

Procesión coa imaxe de Nosa Señora do Carballal.
Procesión coa imaxe de Nosa Señora do Carballal.

O día grande das festas, o luns 8 de setembro, será cando teña lugar a procesión polos arredores da ermida coa imaxe da Virxe do Carballal e posterior eucaristía. Ese día haberá un pasarrúas a cargo da charanga Brisas do Sil, mentres que a sesión vermout correrá por conta da orquestra Marca que tamén actuará pola tarde e verbena.

A programación completarase cunha tirada de fogos de artificio poñendo o broche de ouro a unhas festas nas que colabora moita xente, á que a comisión de festas dá a grazas.

Máis ínformación na edición en papel do Periódico O Sil.
Texto: Mónica G. Bellver.
Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button