PolíticaÚltima hora

O Grupo Popular provincial pide crear unha comisión permanente sobre lumes forestais

Todos os grupos representados na Deputación estarían dentro dela e, de se requirir a presenza de expertos, estes serían membros da Xunta e do Goberno Central ou profesionais do sector
Esta moción de urxencia vaise debater no vindeiro pleno de outubro.

O grupo provincial do Partido Popular presentou hoxe, 18 de outubro, unha moción de urxencia para o pleno de outubro na que propón crear unha comisión informativa especial permanente “de incendios forestais e emerxencias”, con presenza dos grupos políticos representados na cámara provincial e, de se requirir como expertos, dos gobernos autonómico e central ou persoas e entidades vencelladas ao sector, “a fin de coordinar información e plans de actuación”, explicaron.

Os populares cualifican esta iniciativa como “reacción institucional e de repulsa” contra a actividade incendiaria que sufriu a provincia nos pasados días e que xerou “momentos dramáticos desde o punto de vista persoal, co falecemento dun veciño de Carballeda de Avia, e criminais a perspectiva medioambiental”.

Para os populares “a Deputación mostrou toda a súa colaboración nos operativos de extinción de incendios coa cesión de recursos humanos e materiais da propia institución e do consorcio provincial de incendios, así como outras accións como asumir o custo íntegro dos grupos de emerxencia supramunicipal ou a elaboración dun mapa provincial de emerxencias”, aseguraron.

Agora, coa posta en marcha desta comisión, o PP incide na necesidade de consolidar “un modelo de participación, análise e avaliación da situación, perspectivas de mellora e coordinación ante os incendios forestais e emerxencias en xeral”.

En concreto, as atribucións desta nova comisión serán seis, entre elas a de fixar protocolos para a defensa da provincia ou propoñer a actualización da lexislación para responder ás necesidades do territorio. Os populares destacan tamén como iniciativa a posta en marcha dun sistema de información a través de dispositivos móbiles “para que os cidadáns coñezan en tempo real os lumes activos, localización, nivel e os medios e persoal que colabora na extinción”.

A estas accións engadirase, din, un Plan de cooperación para que os concellos dispoñan de plans municipais de prevención e defensa contra os incendios forestais e os integren nos plans de emerxencia municipais.

Axuda da Xunta e o Goberno 

A moción dos populares tamén contempla a petición de colaboración ao resto de administracións públicas “pedindo ao Goberno de España un programa de axudas para paliar os danos provocados polos lumes, ofrecendo para elo a colaboración dos servizos técnicos da Deputación”.

Tamén pedirán ao Ministerio de Agricultura, Pesca, Alimentación e Medio Ambiente a inscrición das áreas queimadas nos proxectos de compensación de CO2, a través dos cales estanse a compensar emisións nos ámbitos dos proxectos clima.

Tanto á administración central como autonómica, a moción solicita medidas urxentes para a recuperación do territorio e evitar a chegada de cinzas aos cursos fluviais polo arrastre que provocarán as esperadas chuvias.

Artigos relacionados

Back to top button