EntrevistasÚltima hora

Guadi Galego: “O concerto da Rúa está construído dende a emoción e imos pasar por diferentes estadios”

A artista galega actuará o domingo 10 de xullo ás 21h. na rúa da Estación no marco do programa "Xacobeo no Interior", que tamén incluirá ese mesmo día unha sesión vermú con Os D'Abaixo ás 13:30h.

Guadi Galego.

 

Iniciaba a súa andaina no mundo da música como gaiteira, vocalista e pianista en Berrogüetto, pero a partir de 2008 daba paso a un proxecto persoal con colaboracións con outros artistas, pero tamén con discos en solitario. O último deles é “Costuras”, que se presentaba no 2020 e co que continúa de xira.

Temas deste traballo, pero tamén pezas da súa anterior traxectoria, poderán desfrutarse no concerto que Guadi Galego dará o vindeiro 10 de xullo na rúa da Estación da Rúa, dentro da campaña “Xacobeo no interior”. Antes ás 13:30h. nese mesmo lugar, está prevista unha sesión vermú con Os D’Abaixo.

– ¿Como valora a iniciativa Xacobeo no Interior, que se iniciaba en Sarria hai uns días, e que a traerá á Rúa?

Unha iniciativa cultural asociada ao turismo paréceme interesante Que o turismo estea asociado a cultura e que ademais se achegue cultura propia a sitios onde é moi difícil que eses concellos ou lugares poidan contratar a artistas, pois paréceme moi interesante, e, sobre todo, tendo en conta que nesas zonas hai moita xente que vén de fóra e que se achega a multitude de sitios que están moi asociados á gastronomía ou ao viño e que, de repente, aparecen uns concertos que tamén os sitúan dentro do territorio e estas cousas sempre son boas.

– ¿Como vai ser o concerto da Rúa, que tipo de repertorio imos poder escoitar?

No concerto da Rúa vaise poder escoitar o último disco “Costuras” e un recompilatorio de traballos anteriores. É un concerto que está construído dende a emoción e pasamos por moitos estados, dende momentos un pouco íntimos ata momentos moi enérxicos e de moita alegría.

– Ten estado en diversas ocasións actuando en Valdeorras, ¿que opina do público desta parte de Galicia?

Gustaríame que tivesen sido máis (risas), pero eu creo que en xeral o público ourensán é un público moi aberto e non ten moitas posibilidades de que cheguen cousas ata aí. E cada vez que nos achegamos facémolo co moitísima ilusión porque non imos tanto quixeramos, non é como estar en provincias onde actúas moito máis, e eu creo que a xente vén sempre con moitas ganas.

 

Guadi Galego coa súa banda nun concerto.

 

– ¿Segue sendo complicado sacar un proxecto independente adiante, ademais sendo muller e cantanto en galego?

Segue sendo moi difícil, moito investimento, moita comedura de tarro, nunca sabes se vai saír ben ou se vai saír mal, pero tamén ser independente dache a facilidade de facer o que realmente queres. Ser muller en este momento facendo cancións non é difícil, é moito máis difícil ser muller sendo instrumentista. E cantando en galego pois é o que hai, é a miña lingua, canto no meu territorio e non só me define, senón que ademais sitúame dalgunha maneira, entón moitas grazas ao galego que me sitúa no territorio como unha cancionista que canta en galego, que non hai tantas.

– ¿Que opina do momento actual que vive a música en galego fóra e dentro de Galicia?

Fóra da Galiza o pau que deron As Tanxugueiras é moi importante para a visibilización do territorio e do concepto de música galega como tal. E, dentro da Galiza, está todo parecido a como estaba, atopámonos nun momento bo a nivel musical, hai moitos proxectos diversos, que así debe ser, e hai moita xente facendo cousas, e iso é moi importante.

Texto: A.R.

Fotos: Cedidas.

 

Artigos relacionados

Back to top button