EntrevistasÚltima hora

Guillermo Coni Molina: “Creo que O Barco é unha vila con moito potencial artístico”

O artista barquense, de 23 anos, está a realizar unha serie de pinturas murais nas Galerías Paylo do Barco

 

As Galerías Paylo, que comunican a avenida Conde de Fenosa co Paseo do Malecón no Barco, lucirán proximamente unha nova imaxe. Guillermo Coni Molina Ferrando, de 23 anos, está a realizar unha serie de pinturas murais nesta zona comercial. “Resulta curioso que, dende que abriron as galerías, están aquí estes marcos en branco que parecen deseñados para que alguén os traballase”, afirma Coni Molina. O traballo foi un encargo de Jorge Mayo, actual dono das galerías.

Nado o 29 de marzo de 1997 e con raíces en Arxentina, Guillermo Coni Molina está a piques de graduarse en Belas Artes pola Universidade de Vigo, en Pontevedra. Artista multidisciplinar, traballa especialmente no ámbito pictórico e musical e xa realizou varias exposicións en Pontevedra e no Barco. Tamén tocou no festival de música SilFest do Barco dous anos consecutivos xunto ao seu grupo, Azor 91. Ademais, actualmente ostenta o cargo de presidente da Asociación de Música Alternativa de Valdeorras (AMAVA). No mes de setembro, pretende matricularse en Historia da Arte en Santiago de Compostela para seguir estudando. “Creo que a miña formación como artista foi boa, pero gustaríame aprender máis no ámbito teórico, académico e estético”, afirma o artista.

– ¿Cal é a túa primeira aproximación ao mundo artístico?

A arte interésame dende os 16 anos aproximadamente e foi grazas á música. Comecei tocando nun grupo de punk; faltáballes o baixista e aínda que eu non tiña nin idea, animeime. Pouco a pouco fun explorando outros xéneros ata chegar á música clásica e foi nese momento cando decidín aprender a tocar o violín e o piano. Non puiden facer unha carreira como músico pero dende Bachiller xa tiña claro que quería estudar algo relacionado coa arte. Xa na universidade descubrín a pintura, que é o que máis traballo actualmente.

– ¿Que tipo de técnica utilizas con maior predominancia?

Interésame a pintura, pero tamén mesturala con outros medios. Ultimamente o que máis fago e combinar pintura con fotografía, xeralmente por medio da serigrafía. Busco traballar os meus cadros dunha forma máis contemporánea, integrando diferentes técnicas.

 

O artista traballando nun novo mural.

 

Unha das obras con referencia ao restaurante El Manjar.

 

– ¿Como definirías a túa obra pictórica?

A miña forma de traballar nace do inconsciente, polo que a obra ten unha forte carga surrealista. Por exemplo, nunha radiografía dunha mandíbula eu podo ver uns ollos e a partir de alí crear un rostro. Tamén creo que pode considerarse como expresionista polo reflexo do vivido e dos sentimentos. O aspecto deforme e tétrico dos meus cadros non é buscado, senón algo co que me identifico.

– ¿Cales son as túas influencias?

A obra de Goya foi o meu primeiro interés pictórico e a súa influencia é maior nos meus cadros máis temperáns. Agora estou centrado en autores contemporáneos como pode ser Francis Bacon, por exemplo. Bacon era un pintor que tamén prestaba moita atención ao deforme, tratado non tanto de modo figurativo senón como algo máis próximo ao cubismo e ao movemento dunha fotografía. As expresións dos dentes nos seus cadros pódense parecer en certo modo ás radiografías de mandíbulas que emprego eu. De todas formas, é difícil que un artista teña unha percepción obxectiva da súa propia obra así que supoño que todo depende dos ollos que o vexan.

– ¿Existe unha evolución na túa obra dende que comezaches a traballar a pintura ata agora?

Eu penso que si. Nos últimos traballos achegueime a unha idea máis propia do surrealismo. O que pinto xa non é tanto a expresión abstracta de algo real, senón a expresión figurativa de algo totalmente irreal.

 

Unha das pinturas murais.

 

– ¿Como chegaches a facer este proxecto de pintura mural?

Foi por recomendación, conseguiron o meu contacto e aceptei. Teño que realizar un total de doce murais nas galerías: tres son obras por encargo e estarán relacionadas co restaurante El Manjar, que se ubica na saída ao Malecón e o resto son de temática libre. De momento fixen unha reinterpretación dun cadro de Caravaggio, unha obra propia e agora estou comezando a pintar unha escultura de Rodin.

– Neste caso, ¿como é o proceso de elaboración de cada mural?

Estou empregando pintura especial para parede. O proceso é sinxelo: primeiro aplico unha capa base que serve para tapar a suciedade e as pintadas que había previamente. Despois, una vez seca a parede, realizo un bosquexo e finalmente, con pintura, vou dando forma ata conseguir o que busco.

– ¿Cres que este tipo de iniciativas poden servir para achegar a arte ao cidadán?

Non sei de que forma o que fago pode axudar á democratización da arte pero, cando estou traballando, moita xente que pasa por alí felicítame e din que están moi contentos, que lles gusta moito. Iso está xenial, agradezoo moito e de feito eu tamén penso que este lugar necesitaba un lavado de cara. Pasa o mesmo cos murais que se están a realizar noutras vilas de Galicia, en fachadas laterais de edificios altos. Algunhas obras parécenme un pouco retrógradas a nivel artístico pero é mellor que non facer nada. Ao final este tipo de actuacións axudan a humanizar a cidade.

– En qué manera pensas que poden afectar as iniciativas de particulares, como o encargo das galerías, á producción de arte a nivel local. 

Este tipo de accións están ben. Axudan a visibilizar obras e artistas e embelecen lugares que non estaban en bo estado. De todas formas tamén deberían servir para que a xente se interese polo mercado do arte e compre obras. Non pode ser que só se recurra ao artístico para revertir un erro de urbanismo.

 

 

Dous cadros de Guillermo Coni. / Fotos: cedidas.

 

– ¿Cales son os teus proxectos a corto e medio prazo?

Agora mesmo estou traballando en tres proxectos pictóricos, un relacionado coa miña obra máis figurativa, outro próximo ao expresionismo abstracto e tamén, evidentemente, nas pinturas murais da galería. Aparte, está a música. Por un lado quero continuar con Azor 91, que é un grupo de post-punk que fundei xunto a uns amigos en 2017. Tamén empezarei proximamente un traballo en solitario relacionado co piano. Estiven moitos anos estudando e penso que agora xa acadei o nivel suficiente para poder facer algo.

– ¿Pensas que un lugar pequeno como O Barco é un bo lugar para ser artista?

Creo que O Barco é unha vila con moito potencial a nivel artístico. Hai xente moi boa, non só na pintura senón tamén no tocante ao audiovisual, á música e á escritura. Aquí fixéronse xa moitos avances e iniciativas en relación a dar máis visibilidade ao arte local. Penso que vamos polo bo camiño pero todavía queda moito por facer.

– A nivel municipal, qué tipo de accións deberían acometerse para dar máis promoción aos artistas

Estaría ben que dende o Concello do Barco, os artistas tiveramos un lugar onde facer exposicións e ofertar os nosos cadros. Pasa un pouco o mesmo que coa iniciativa privada, os murais e accións semellantes están ben, pero falta reactivar o mercado da arte.

Número de teléfono para contactar co artista: 629 94 79 47.

Texto: Víctor Santos.

Fotos: Víctor Santos e cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button