En portadaEntrevistasÚltima hora

Gutier Álvarez: “En Noró facemos un guiño ao toque do fulión”

Este instrumentista trivés e o seu irmán Javier (acordeonista) uníanse no 2014 ao cantante Xabier Díaz nun novo proxecto de música tradicional coa participación das Adufeiras do Salitre. Este vernes 17 de agosto presentarán na casa, en Trives, o seu segundo traballo conxunto

 

O instrumentista trivés Gutier Álvarez, tocando a zanfona./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Rescatar a esencia da tradición musical galega e traela ao mundo actual. Neste proxecto confluían no 2014 Xabier Díaz e os irmáns triveses Gutier (violín e zanfona) e Javier Álvarez (acordeón diatónico). O primeiro froito desa colaboración, na que tamén se involucraban as Adufeiras do Salitre, era o exitoso The Tambourine Man (2015). Logo, en febreiro deste ano, publicábase Noró, algunhas músicas do norte.

Este segundo disco presenta trece temas que transitan polos sons do noroeste peninsular, máis alá dos límites da Galicia administrativa. “A palabra Noró é un neoloxismo absoluto, un xogo de invención cun só interese: dignificar o norte como elemento cultural. Trátase de intentar visibilizar a música galega pero tamén as de Zamora, León… como un bloque cultural máis amplo e que nada ten que ver nin co fado nin co flamenco, que son grandes marcas que ás veces eclipsan unha variedade cultural inmensa que hai na península”, explica Gutier Álvarez.

Despois de diversas actuacións en Galicia e tamén no exterior con este novo traballo, o venres 17 de agosto Xabier Díaz e os irmáns Álvarez farán a súa primeira presentación de Noró, xunto ás Adufeiras do Salitre, na provincia de Ourense. Será en Trives. Darán un concerto ás 22h. no Patio de Santa Leonor, unha cita moi especial para Gutier e Javier Álvarez, nacidos nesta vila e criados en Manzaneda. “Para nós é case o acontecemento do ano, fainos unha tremenda ilusión”, confesa Gutier.

¿De onde vén esa querencia dos irmáns Álvarez pola música tradicional? ¿Teñen algún antecedente familiar?
O certo é que si. Por parte de pai somos familiares de Pancho Álvarez, unha das figuras máis coñecidas da música tradicional en Galicia, leva toda a vida tocando con Carlos Núñez e a súa familia é orixinaria da parroquia de Piñeiro (Trives). E nós medramos un pouco baixo a súa luz porque, aínda que era un familiar que vivía lonxe, viña a tocar á zona ou de visita a casa e eses eran momentos superimportantes para nenos pequenos coma nós que tiñan aí unha figura de referencia. Sempre foi moi inspirador e creo que xogou un papel clave en que eu decidira tocar o violín, xa que el é violinista. E por ese lado da familia hai moita máis xente vencellada á música como Álvaro Díaz, un recoñecido tocador de contrabaixo. Non sei se se pode falar de saga, pero si que existe unha tradición e unha relación coa música na familia.

Tras comezar xuntos na música, vostede e o seu irmán iniciaron camiños separados que volveron confluír agora na música tradicional da man de Xabier Díaz…
Empezamos xuntos na escola de gaitas de Manzaneda, onde viviamos, e logo tocando na súa banda de gaitas durante toda a nosa infancia. Despois, cada un seguiu o seu camiño. Eu, aínda que tamén tiven unha formación clásica no Conservatorio do Barco, a partir dos 18 anos centreime na música popular, tradicional e intentei seguir formándome o máximo posible, sempre acudindo a conservatorios máis especializados como era o de Lalín. Alí volvín coincidir con Javi, que levaba moito tempo estudando piano no contexto da música clásica. En Lalín el elixiu acordeón e eu seguín co violín, pero tamén me tropecei coa zanfona case de forma fortuíta xa que o profesor foi capaz de convencerme de que entrara naquela clase en medio segundo mentres falabamos no corredor. Foi unha sorte. A miña formación é máis pura de raíz, mentres que a de Javi diversificouse cara o jazz, a música máis moderna e contemporánea. E ata que xurdiu o proxecto de Xabier Díaz non volvimos tocar xuntos.

 

Os irmáns Álvarez, nunha actuación con Xabier Díaz./ Foto: Carlos G. Hervella.

¿E como xurdiu ese proxecto?

Cando tiña 21anos coincidín tocando con Xabier en Descarga a Vivo, unha das iniciativas promovidas polo Conservatorio de Lalín. Moito tempo despois, chamoume e díxome que quería contar comigo para un novo proxecto vocal cun grupo de rapazas que eran as súas alumnas. Tiña clara a instrumentación que quería e estaba realmente interesado polo acordeón diatónico, un instrumento moi peculiar, que é o que toca Javi. Non é doado atopar nin moitos nin solventes tocadores deste acordeón e Xabier xa tiña contacto con un, pero aquilo non fructificou. E entón a pregunta directa que me fixo foi, “¿coñeces a algún acordeonista diatónico?”. A resposta era simpática “hai un na casa” e verdadeiramente foi así. Xa non houbo moita volta que darlle, quixo probar con Javi e funcionou, e así volvín confluír co meu irmán. Supuxo un exercicio de tremenda valentía por parte de Xabier, un artista xa cunha bagaxe, porque nós eramos dúas persoas moito máis novas e tampouco tiñamos tanto percorrido. Por iso, alégrome moito de que funcionase.

¿Cal é a filosofía do seu proxecto musical, que deu lugar xa a dous discos?

A miña percepción persoal é que leva a mensaxe de que o vello pode ser moderno. Sen caer en estereotipos, a receita foi simplemente poñer como eixo central o que neste país houbo sempre: a voz. Pero a voz dende o punto de vista máis tradicional, dos cantares antigos e dos máis arcaicos posibles, que Xabier Díaz recolleu hai vinte anos para atrás das persoas maiores nos sitios máis recónditos do rural, en especial das mulleres, que aínda cantaban así. E isto é o que agora lle estamos ofrecendo á xente.

Loxicamente eses cantares perdéronse polo relevo xeracional e polo mundo no que vivimos hoxe de absoluta velocidade. E creo que aí vén o segundo motivo de que funcionen xa que nesta sociedade tan globalizada no sentido ás veces máis perverso da palabra, de tanta rapidez e influencias, de imposicións, de modas… en ocasións basta con que atopes o xenuíno, o auténtico, o que aínda ten moitos valores engadidos e entón iso chega fondo e moitas veces cabalga por riba de todo tipo de prexuízos. No noso proxecto o discurso é ese: o máis esencial da tradición contextualizado un pouco aquí e agora. É dicir, estámoslle interpretando cancións de amor que lle cantaba unha moza a un mozo mentres estaban no millo á xente de 19 anos que, precisamente, non vén da seitura, nin do muíño, pero que as acollen por xenuínas.

Noró, ¿pode entenderse como unha continuidade de “The Tambourine Man”?

Si, a música do primeiro disco ía ter unha continuidade, non queriamos xogar, nin forzar a idea de sorprender ou non. Conseguimos unha receita que funciona e o máis importante é que a nós encántanos e queriamos seguir facendo esa música, en lugar de xogar coa bipolaridade e realizar cousas diferentes. Posiblemente isto evolucionará, pero se é así espero que esa evolución sexa positiva e do máis natural.

 

Gutier Álvarez e o cantante Xabier Díaz./ Foto: Carlos G. Hervella.

Falamos de músicas do noroeste peninsular, pero ¿son distintas as sonoridades da costa e as do interior?

Si, se o miras dende a perspectiva dunha rexión que ten uns 400 quilómetros dunha esquina a outra é moita a diversidade, pero é paulatina. É dicir, sempre o que está máis próximo resulta parecido e se vas avanzando pouco a pouco ves que, se comparas a dun extremo e a do outro, vense moitas diferenzas. A parte oriental da provincia de Ourense é unha zona afastada que non conta con tanta masa de recollidas, pero o que hai é suficiente para facer un cadro e ver que comparte moitísima relación coa música de lugares como Sanabria, dun interese antropolóxico e musical absoluto a nivel ibérico.

Mesmo hai algúns tipos de cantos que non se dan tanto noutras zonas, como son os de seitura, que son moi pausados, algo lóxico porque esta parte da provincia é a máis cercana a Castela. Aparecen ademais xéneros como as rondas, que son moi típicos aquí pero que case me atrevería a dicir que non os hai na costa. Tamén hai moitas diferenzas no baile, as muiñeiras no sur de Ourense son moito máis pausadas e elegantes, sen embargo no norte galego son máis picadas e isto tamén inflúe na música e nos tempos cos que se tocaban. É lóxico que a música da Mezquita se pareza máis á de Sanabria ou á do norte de Portugal, que á de Malpica ou Bergantiños. Nós no oriente ourensán confluímos moito máis con iso que co norte, pero todo depende do zoom co que o mires, se é máis amplo verás que existe un gran bloque musical, que é o que nós queriamos achegar en Noró.

Entre os ritmos recollidos no disco está o do fulión de Manzaneda que aparece no segundo tema, “Unha fala é un cantar”…

É un guiño pero con grandes elementos de modificación. No fulión tradicionalmente o principal era o elemento rítmico e máis a danza, aínda que, se se daba o caso podía participar a gaita. E existe en Manzaneda unha melodía que si se chegou a tocar. É moi curiosa porque o fulión desa zona ten un ritmo moi particular que se diferenza do resto, é un ritmo de cinco. Xabier traía un cantar da zona da costa que tamén era un ritmo de cinco e necesitaba unha melodía para el. Comentaba que habería que compoñer algo, entón eu propúxenlle o ritmo do fulión e encantoulle. Así que o do fulión é un guiño, non pretendiamos facer unha réplica, queriamos inspirarnos nel.

 

Javier Álvarez, no acordeón diatónico, con Xabier Díaz./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

O 17 de agosto presentarase Noró en Trives e será un reencontro musical coa súa vila…

Fainos unha ilusión tremenda, a idea de tocar na casa é moi bonita. Nin Javi nin eu podemos xa contar os anos que fai que non tocamos en Trives porque a vida vaite levando por outros lados. E ademais é unha ilusión compartida con moita xente da zona. Houbo un esforzo inmenso de todas as partes para facelo posible e espero que o desfrutemos todos, ¡vai ser moi especial!

Texto: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button