EntrevistasÚltima hora

“Hai que loitar por unha marca potente de Valdeorras”

O barquense José Ángel Rodríguez Delgado é un auténtico embaixador da súa comarca na Coruña, onde vive dende hai 41 anos. Destaca o gran potencial e riqueza da súa terra, xunto coa necesidade de unirse para promocionarse fóra
José Ángel Rodríguez Delgado cunha copa de godello nas I Xornadas de Valdeorras na Coruña./ Foto cedida por José Ángel Rodríguez.

Cada vez que marcha do Barco, mira o calendario para ver cando vai poder volver. “Como todo sentimento, o meu cariño por este pobo é algo que non se pode medir, síntese ou non. En Valdeorras teño as raíces que me atan ao chan, é algo que se leva no Rh da ialma”, confesa José Ángel Rodríguez Delgado, que, malia residir dende hai 41 anos na Coruña, mantén un estreito contacto coa súa comarcal natal. “Dende moi pequeno mandáronme a estudar fóra, entón cada vez que volvía era por vacacións, tanto de estudante, como despois, cando empecei a traballar nunha central térmica, onde estiven 36 anos”, conta. Unha profesión que compaxinaba con numerosas actividades, entre elas a de escribir media ducia de libros, impartir formación ao longo de Galicia, ter unha empresa de grandes eventos e outra de xestión inmobiliaria.

O contacto coa súa vila aumentaba ao prexubilarse. “Agora as tempadas que paso no Barco son moitísimas, vou sempre que podo”, asegura Rodríguez Delgado, que foi pregoeiro da Festa do Botelo no 2015. A paixón que sente pola súa terra teno convertido nun auténtico embaixador de Valdeorras colaborando co Concello do Barco en iniciativas como a Festa do Botelo na Coruña, que leva cinco anos celebrándose con éxito, e as I Xornadas de Valdeorras, tamén na cidade herculina, que rematarán o 20 de maio.

Sempre que ten oportunidade promociona Valdeorras fóra, exerce de embaixador da súa terra…
A min iso de embaixador e de pregoeiro encántame, creo que todos deberiamos ter máis ou menos desenvolvida esa semente. É unha obriga do máis agradecido porque estamos falando da marabilla da nosa terra, dos nosos produtos, da nosa xente, do potencial que temos… Hai persoas que non entenden isto, pero está moi claro, a min esta terra deumo todo: a vida, deulle aos meus pais o traballo e iso foi o que me permitiu medrar e estudar… Por iso á terra, ás raíces hai que devolverlle algo, facela grande e non só pensar no beneficio propio. Ademais ambas cousas son compatibles. E ese cariño polo meu pobo trato de transmitilo. Non hai amigo meu que non viñera ao Barco dúas ou tres veces, e todos os que pasan por aquí repiten porque O Barco namora. Ese podería ser un pequeno slogan… Recordo que xente de fóra que pola súa profesión viña de pasada aquí, chegaba chorando e marchaba chorando, e isto é literal. Viñan por un ano e enganchábanse, e iso é porque a zona deixa pegada. Quizais sexa porque Valdeorras está un pouco afastada das grandes cidades e porque tivémonos que buscar a vida, sen demasiadas axudas, e iso marcou un pouco máis o noso carácter.

Está convencido do potencial de Valdeorras e dos seus produtos, pero, ¿falta promoción e proxección exterior da comarca?
Ese é un convencemento. Temos un factor de autoestima moi baixo. Hai unha frase que acostumo dicir, e que incluín no pregón do botelo: non somos nin máis que ninguén, nin menos que o que máis. Debemos ter un pouco de autoestima e marcar moitísimo a identidade, son dous factores fundamentais para que poidamos medrar e saír fóra coa cabeza moi alta. Contamos con produtos, non só lousa e viño, non só gastronomía, a nosa terra ten un potencial turístico impresionante, que é a gran mina que hai que explotar. O turismo leva consigo todo, ponnos no mapa en moitos sentidos, tráenos xente… ¿que pasa? Que hai algúns políticos, empresarios e cidadáns que non apostan por iso, que son conformistas e cunhas ideas que deberían airearse un pouquiño máis, que só se miran o embigo…

O interese de todos tamén é o interese particular e a min moléstanme moito as tiranteces e os políticos que non teñen unha idea clara de Valdeorras. Eu teño clarísimo que hai que loitar por unha marca potente de Valdeorras, que hai que sumar esforzos entre as asociacións empresariais, o consello regulador… e que os políticos aposten por isto. E quero dicir, con toda a humildade do mundo, que tampouco fan falta todos os concellos, hai que tirar para adiante cunha marca de Valdeorras e estar presentes e ben representados onde hai que estar e, se algún non se quere unir, que non o faga, pero por un ou dous garavanzos non sei vai estropear o cocido. Hai que tomar a iniciativa. Temos que coidar e explotar o noso gran potencial, pero sen estragalo.

 

José Ángel Rodríguez nunha das súas visitas ao Barco./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Son xa cinco anos os que leva promovendo a Festa do Botelo na Coruña, agora veñen estas Xornadas de Valdeorras, ¿que efecto están tendo estas accións?
Non hai colleita se non hai semente. Entón, primeiro hai que sementar e facer un labor que levan facendo xa outros por diante de nós, se falamos de viños, outras denominacións relativamente novas, e, en turismo, outros colectivos de zonas que non fai falta que nomee e que nos sacan unha vantaxe moi grande porque comezaron antes. E unha forma de sementar é saír dignamente ao exterior, ben organizados e unidos e, como valdeorreses, montar eventos como o do Botelo na Coruña e en Vigo. É unha cabeza de ponte que debe servir para facer patria fóra. Tanto isto como estas I Xornadas de Valdeorras, organizadas polo Concello do Barco, que espero que o vindeiro ano en lugar de centrarse nun só establecemento se fagan en moitos outros e non só na Coruña e que, ademais de vender viños valdeorreses, tamén se vendan outros produtos e a nosa imaxe, os servizos das nosas empresas de turismo… Isto é, como cando se asiste a unha feira, un investimento de futuro na imaxe de Valdeorras. O efecto disto vaise notando pouco a pouco, pero claro, hai cantidade de comarcas que nos levan a dianteira e temos que poñernos as pilas. Hai que fomentar o turismo, que para min é un motor polo que hai que apostar.

¿Como lle gustaría ver ao Barco e a Valdeorras no futuro?
Gustaríame que fose un referente de todo isto do que falamos e do aproveitamento dos recursos da natureza. Valdeorras aínda é moi descoñecida, a xente non sabe que somos a entrada a Galicia, que somos o teito galego, que temos a Via XVIII romana, o Camiño de Inverno… Tamén se descoñece a cultura musical do Barco, a gran cantidade de xente relacionada coa música, tanto en grupos como a nivel individual. Gustaríame que chegasemos a ser un referente do interior de Galicia, como no seu momento o foi Allariz como exemplo de recuperación do seu patrimonio arquitectónico. Nós temos potencial para ser moito máis, pero insisto, para iso é fundamental a identidade, a autoestima e o traballo. Se logramos que Valdeorras sexa unha marca autenticamente recoñecida, a partir de aí será todo máis doado para a zona.

Texto: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button