CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

Herminia Domínguez, de Río, será académica numeraria da Real Academia Galega de Ciencias

O acto de ingreso desta catedrática de Enxeñaría Química da Universidade de Vigo no Campus de Ourense na RAGC será mañá

Herminia Domínguez González, catedrática de Enxeñaría Química da Universidade de Vigo (Uvigo) no Campus de Ourense./ Imaxe cedida pola RAGC.

 

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrará mañá mércores, 16 de marzo, no Pazo de San Roque de Santiago ás 19:00 horas, o acto de ingreso da catedrática de Enxeñaría Química da Universidade de Vigo (Uvigo) no Campus de Ourense, Herminia Domínguez González, natural de an Xoán de Río. Intégrase na institución como académica numeraria da Sección de Ciencias Técnicas. Herminia Domínguez pronunciará o seu discurso de ingreso, titulado “Biorrefinerías, multifactorías verdes”, que será contestado en nome da Academia polo membro numerario da Sección de Ciencias Técnicas, o catedrático emérito de Ciencias dos Materiais e Enxeñaría Metalúrxica da UVigo Pedro Merino Gómez.

O presidente da RAGC, Juan Lema Rodicio, abrirá o acto ao que asistirán outros académicos da institución, así como o vicerreitor de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade da Universidade de Santiago (USC), Gumersindo Feijoo; o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia da Universidade da Coruña (UDC), Salvador Naya; a vicerreitora do Campus de Ourense da UVigo, María Esther de Blas; e o comandante director da Escola Naval Militar de Marín, Pedro Cardona; entre outras autoridades.

Herminia Domínguez González (San Xoán de Río, 1965) é catedrática de Enxeñaría Química da Universidade de Vigo (UVigo) no Campus de Ourense. Completou a súa formación pre e posdoutoramento no Consello de Investigación de Saskatchewan e na Universidade de Lund. Actualmente é coordinadora do grupo de Biomasa e Desenvolvemento Sostible (EQ-2) do Centro de Investigacións Biomédicas (Cinbio) da UVigo.

Centra a súa actividade investigadora no deseño de procesos baseados en estratexias de intensificación, en especial con fluídos subcríticos e supercríticos, e na tecnoloxía de membranas para o fraccionamento de biomasa seguindo a filosofía das biorrefinerías e o residuo cero.

Desenvolve novos produtos con ingredientes funcionais e biopolímeros obtidos a partires de recursos renovables infrautilizados ou considerados residuos. Foi investigadora principal en máis de 30 proxectos de investigación e contratos con empresas. Dirixiu 15 teses de doutoramento. Publicou máis de 250 artigos e 30 capítulos de libros internacionais, é coeditora de catro libros e coinventora de nove patentes. Recibiu o Premio A-IQS.

Artigos relacionados

Back to top button