CulturaÚltima hora

“Hijas de Galicia, Macorinas”, que aposta por saldar unha débeda histórica, estréase no FIC de Verín

Este documental está dirixido por Xosé Lois Santiago “Pello”, natural de Castrelo do Val, e Fran Naveira e céntrase en detallar a historia de explotación sexual dunha parte da emigración feminina galega a Cuba a comezos do s. XX

Publicidade
Xosé Lois Santiago “Pello” (á esquerda) e Fran Naveira (á dereita) dirixiron o documental “Hijas de Galicia, Macorinas”./ Foto: FIC.

 

Continúa o programa de actividades paralelas do Festival Internacional de Curtas (FIC) Vía XIV de Verín. Así, esta tarde o Auditorio da vila acollía o documental histórico Hijas de Galicia, Macorinas”, dirixido por Xosé Lois Santiago “Pello” e Fran Naveira.

“Trátase dun traballo que busca saldar una débeda histórica sobre un asunto en torno ao cal ata agora se gardara silencio: a historia de explotación sexual á que se viu sometida unha parte da emigración feminina galega a Cuba, a comezos do século XX”, destacan dende a organización do FIC.

O documental narra a historia da asociación “Hijas de Galicia”, formada por esas mulleres emigradas galegas e pon de manifiesto diversas historias de protagonistas que sufriron enganos para entrar a formar parte das redes de prostitución cubana no inicio do século pasado.

“A situación non deixa de ser similar á doutras mulleres que hoxe en día emigran á nosa terra, ou a outros lugares, e rematan desempeñando a mesma función, sendo explotadas por mafias sexuais”, destaca o co-director documental, Xosé Lois Santiago “Pello”. “O noso medio inicial ao chegar a La Habana era non atopar suficiente información sobre o tema. Pero isto esvaeceuse cando comezamos a falar cos nosos asesores e contactos”, engade.

“A partir dese momento, un mundo que ata entón estivera agochado, saiu á luz e afloraron diversas testemuñas que recollemos nas nosas visitas á illa”, destaca o co-autor desta obra, de 65 minutos de duración, que foi gravada en Cuba entre os anos 2012 e 2019.

Streaming dende La Habana durante a presentación

Dende La Habana, e mediante streaming, participaba en directo na presentación do documental o experto Julio César González Pagés, doutor en Ciencias Históricas e profesor Adxunto Asistente da Facultade de Filosofía e Historia da Universidad de La Habana, unha das voces autorizadas que contribuíu coas súas achegas a perfilar este documental.

Artigos relacionados

Back to top button