CulturaCulturaÚltima hora

Hijos de Rivera recibe o Premio Celanova Casa dos Poetas

Momento da entrega deste galardón en Celanova.

Na mañá do 3 de setembro tiña lugar en Celanova o acto de entrega do XXXIII Premio Celanova Casa dos Poetas á corporación Hijos de Rivera por “desenvolver a cultura galega e dar a coñecer a comunidade fóra das nosas fronteiras”. No acto participaba a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, xunto con outras autoridades como o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, ou a delegada da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira.

A conselleira destacaba o excepcional traballo que fai esta entidade a nivel nacional e internacional, sinalando que “a cervexa Estrella Galicia fai de embaixadora de Galicia alá por onde vai, ao igual que o fan os nosos viños, os nosos queixos, a nosa carne ou o noso leite”.

Pola súa banda, o presidente da Deputación de Ourense e patrón da Fundación “Curros Enríquez”, apuntaba que o premio que anualmente outorga a Fundación “Curros Enríquez” “é un referente da nosa cultura”. E engadía que este galardón, concedido este ano a Hijos de Rivera “quere destacar a esta corporación pola divulgación e promoción da cultura galega, presente sempre no seu labor empresarial”.

Anteriormente á entrega do premio, tiña lugar unha ofrenda floral diante do monumento a Celso Emilio Ferreiro, con motivo do 38 aniversario de seu pasamento, para posteriormente, na Casa dos Poetas, desenvolver o acto de entrega do premio, que foi recibido polo director de Asuntos Corporativos de Hijos de Rivera, Antonio Viejo Puga. O acto contou tamén coa participación do presidente de fundación e alcalde de Celanova, José Luis Ferro; e o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices.

O representante de Hijos de Rivera coas autoridades asistentes ao acto.

O presidente da Deputación fixo entrega ao premiado dunha medalla de prata, obra do escultor Acisclo Manzano, tralo cal Antonio Viejo asinou no Libro de Honra da fundación. A parte musical do acto contou coa actuación do quinteto de vento Hércules Brass.

Artigos relacionados

Back to top button