CulturaCulturaEducaciónEn portadaÚltima hora

“Historia da Doncela encantada”, lenda e amor en Trevinca

Antonio Fernández "Cholo" vén de presentar este conto que se desenvolve na Lagoa da Serpe

Publicidade

 

Montaña, natureza, Trevinca, tradición e fantasía. Son os elementos que enfía no seu novo conto o montañeiro e hostaleiro Antonio Fernández Pena “Cholo”. Vén de ser titulado en forma de libro baixo o título “Historia da Doncela Encantada” e inspírase nunha lenda tradicional vencellada á Lagoa da Serpe.

Este libriño presentábase esta mañá nun acto organizado por Trevihost (Asociación de Hostalaría e Turismo da Veiga) e celebrado no Toural (A Veiga). Na presentación contábase co autor, que estaba acompañado por membros da directiva de Trevihost como o seu presidente, Juan J. Lorenzo, e a súa secrearia, Gloria Luis, ademais da ilustradora do conto, Cristina Yáñez. Tamén asistía o alcalde da Veiga, Juan Anta.

Juan J. Lorenzo abría o acto incidindo nos valores e obxectivos que moven a Trevihost, “valores turísticos pero tamén de natureza dentro deste territorio e este traballo de Cholo encaixa perfectamente neses obxectivos”, destacaba.

“Este un conto tanto infantil como para adultos”, comenta Cholo, “penso que os adultos debemos ler máis contos infantís e, de vez en cando, baixarnos á lenda, ao mito, ser un pouquiño como nenos non nos fai mal de cando en cando, tanta certidume, e tanto dato afóganos. Temos que ser capaces de voltar a ser cativos crendo en cousas que ao mellor non son reais, pero ¿que máis dá, se é bonita a historia e ten un fondo moral e unha aprendizaxe?”.

 

Cholo, autor do conto, sostendo un dos libriños.

 

Tras “Martiño e o lobo”, tamén ubicado en Trevinca, Cholo presenta agora unha historia de dous namorados que loitan por estar xuntos, tamén no marco do macizo máis alto de Galicia, e cuxo amor sortea os feitizos dun pai un pouco malvado.

“É un amor tan profundo”, destaca o autor, “que nin a morte sequera os separa e, convertidos nunha serpe de dúas cabezas seguen habitando xuntos nestas fermosas montañas de Trevinca. E todas as noites de San Xoán aparecen os dous abrazados ao pé da lagoa da serpe”, resume Cholo.

 

 

Entre os asistentes á presentación estaban alumnos do colexio da Veiga que, ao final, recibían o libriño do conto xunto con bolígrafo. Este libro pode verse e adquirise nos establecementos de turismo de Trevihost.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Máis información:
trevihost.com

Artigos relacionados

Back to top button