En portadaGalerías de fotosÚltima hora

A historia da vila faise imaxe en “Cen anos do Barco nas fotos”

Esta exposición poderá verse ata finais de ano no Teatro Lauro Olmo do Barco en horario de 19h. a 21h. de luns a venres

A caída da ponte de San Fernando, a voda de Elena Quiroga na Casa Grande de Viloira, as procesións do Cristo, as rúas do Barco no século pasado, antigos equipos de fútbol e grupos de música… A exposición que poderá visitarse este ano no marco do Outono Fotográfico no Barco propón unha viaxe no tempo por esta vila e mesmo pola comarca de Valdeorras para contemplar como era nos séculos XIX e XX.

O cento de reproducións en papel de “Cen anos do Barco nas fotos (1863-1963)” suporá para algúns un reencontro cun pasado que aínda lembran, pero para outros, en especial para os máis novos, unha auténtica descuberta da memoria da súa vila. Non é a primeira vez que esta escolma de imaxes se amosan de maneira conxunta. Podían verse hai 31 anos, en decembro de 1986, da man da Agrupación Cultural Sementeira, tal e como sinalaba na inauguración da mostra na tarde do 31 de outubro a concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta. Incidía no valor histórico das fotos e aseguraba que “é un luxo telas aquí. É importante recuperar esa memoria e que sexa cíclica esa recuperación”.

Sobre o contido da mostra afondaba Gustavo Docampo, técnico de Cultura do Barco e un dos integrantes da xa desaparecida agrupación Sementeira. Lembraba as orixes deste proxecto fotográfico, a fase de recolleita das imaxes polas casas, o proceso de reprodución das mesmas “de forma artesanal e coa colaboración de Xosé Ramón Castro”, así como a posta en marcha da exposición. “Eramos un grupo de xente moza e pensabamos que a historia tiñamos que empezar a descubrila por nós mesmos e as fotos aportaban moita información”, apuntaba.

A exposición xira en torno a cinco fotógrafos da vila con imaxes de diferentes épocas e aos que se refería, un por un, Docampo: Eugenio de Puga (Bazar del Siglo), Martín Gómez, Manolo Barrio, Manuel Blanco Pascual e Rufino Rodríguez (Foto Rufino). A súa obra foi recuperada grazas ás persoas que as conservaron. Constitúen a documentación visual da historia da vila. Un legado que volvía aos barquenses a través da exposición de 1986 e, xa en 1990, coa publicación do volume “Cen anos do Barco nas fotos”. A reposición desta mostra constitúe unha nova oportunidade para mergullarse e deterse nese pasado da vila e no que significa. Estará aberta ao público ata finais de ano de 19h. a 21h. (de luns a venres) no Teatro Lauro Olmo do Barco.

Texto e fotos: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button