SanidadeÚltima hora

A hixiene de mans, un xesto que evita infeccións e salva vidas

Grupo de Traballo do Servizo de Medicina Preventiva. 

No Día Mundial da Hixiene de Mans, venres 5 de maio, a Xerencia de Xestión Integrada do Sergas en Ourense súmase a estratexia, da Organización Mundial da Saúde, de concienciar da importancia para a saúde dunha correcta hixiene de mans, como medida esencial de prevención e control da infección e transmisión de xermes.

O lema elixido pola OMS este ano foi “A loita contra a Resistencia aos Antibióticos está nas túas mans” e que lembra a importancia deste sinxelo xesto, para reducir a transmisión dos xermes multirresistentes. Xermes ante os que os antibióticos son menos eficaces, e que dan lugar a brotes e infeccións graves, especialmente en pacientes de unidades de críticos ou institucionalizados.

A loita contra este tipo de xermes supón unha preocupación crecente, xa que representan unha importante ameaza para a saúde humana. De feito, estímase que as infeccións, por bacterias resistentes a antibióticos, causan na Unión Europea unhas 25.000 mortes ao ano, cifran dende o Sergas.

Ante a debilidade crecente dos antibióticos fronte a este tipo de infeccións, todas as institucións sanitarias coinciden na importancia dunha medida sinxela, e de baixo custo, como a hixiene de mans que, realizada de xeito adecuado e nos momentos precisos, pode chegar a reducir a transmisión de patóxenos, en centros sanitarios, en máis dun 50%.

Para difundir este importante pero sinxelo xesto, no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) constituíuse, de xeito pioneiro xa en 2007, un Grupo de Traballo para a mellora das prácticas de hixiene das mans que, promovido polo Servizo de Medicina Preventiva. Este grupo leva a cabo ao longo do ano numerosas actividades de cara a manter e mellorar a práctica correcta da hixiene de mans entre o persoal sanitario.

Dentro desta programación, na mañá do 5 de maio, o CHUO acolleu unha mesa informativa,  atendida por persoal sanitario de Preventiva, da Unidade de Calidade e alumnas da Escola de Enfermería de Ourense, para distribuír, entre persoal e visitantes, consellos e material informativo.

Consellos

Ademais de realizar unha correcta hixiene de mans, con auga e xabón ou cunha solución hidroalcólica, é importante saber cando realizala, tendo en conta especialmente 5 Momentos Clave: Antes e despois de tocar ao paciente ou súa contorna, antes de realizar unha tarefa limpa ou aséptica (como realizar unha cura, colocar unha vía, darlle a comida ou medicación, etc.) e despois da exposición a fluídos corporais do paciente (ao retirar material sucio como cueiros, vendaxes, etc.)

Estes consellos son útiles tamén para a poboación xeral, especialmente aqueles que coidan en casa dunha persoa enferma, convalecente dunha intervención, ou fráxil. Contribuíndo así a manter unhas medidas de hixiene preventivas e de control das infeccións.

De feito, para promover a estratexia da OMS de dar un maior protagonismo aos pacientes, fomentando seu coñecemento da importancia da hixiene de mans, por parte do persoal sanitario ou coidadores, desde o Grupo de Traballo de Hixiene de Mans, mantéñense distintas liñas de actuación con pacientes e familiares, como vía para facer deles axentes activos no cumprimento destas prácticas seguras, tanto no hospital como na casa, informan dende o CHUO.

Os consellos tamén se poden aplicar ao persoal sanitario e á poboación xeral. 

Artigos relacionados

Back to top button