CulturaCulturaGalerías de fotosMúsicaÚltima hora

Homenaxe a Dorinda Pérez, cantora de Pradolongo, en Vilamartín de Valdeorras

O acto estivo organizado polos Amigos do Filandón, da man de Xosé Lois Foxo

O ano pasado foi Sebastián López Paradelo, cantor de Correxaia, e este ano foi Dorinda Pérez Rodríguez, cantora de Pradolongo (A Veiga) a homenaxeada polos Amigos do Filandón. O acto tiña lugar no mediodía do 6 de maio, Día da Nai, no Complexo Hospitalario Paladium, en Vilamartín de Valdeorras. Alí celebrábase un xantar na súa honra e no transcurso do acto, o presidente da Real Banda de Gaitas, Xosé Lois Foxo, entregáballe a medalla de Ouro.

O evento, ao que asistiron numerosas persoas de todo Valdeorras (entre elas o alcalde de A Veiga, Juan Anta), contou asemade coa lectura de poemas e actuacións musicais.

Dorinda Pérez Rodríguez naceu en Pradolongo o 29 de marzo de 1921 e con esta homenaxe “queremos agradecerlle a ela e a toda a súa familia o ternos aberto as portas da casa desde o primeiro día que chegamos a Pradolongo”, asegura Foxo como amigo do Filandón, explicando que lles trasmitiu “unha multitude de vellos cantares, os que gardou desde nina na súa memoria prodixiosa”. O seu grande patrimonio lírico pasará a formar parte da gran catedral do saber popular. “Grazas a mentes ilustres como a de Dorinda a cultura de Galicia segue viva e acrecéntase coas súas coplas e composicións propias”, conclúe Foxo.

Fotos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button