OurenseÚltima hora

Homenaxe a Etelvino Blanco o 3 de outubro en Ourense

Este acto, que terá lugar ás 20h. no salón de actos da Casa Sindical da cidade, será promovido pola CIG Ourense

Imaxe de Etelvino Blanco, falecido o pasado mes de xullo./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

O vindeiro 3 de outubro a CIG Ourense promoverá un acto de recoñecemento e de despedida “ao compañeiro Etelvino Blanco, tristemente falecido o pasado mes de xullo”. Así o vén de facer púbico a súa executiva comarcal. Esta homenaxe está prevista para ás 20:00 h. no Salón de Actos da Casa Sindical de Ourense, “no mesmo lugar no que tantas veces Etelvino se dirixiu a centos de traballadores e traballadoras de todos os sectores produtivos, animándoas a manter en pé a dignidade obreira e a loitar por unha vida mellor, por unha sociedade máis xusta, e por unha Galicia soberana”, segundo a central sindical.

Blanco foi secretario comarcal desde o nacemento da actual Confederación Intersindical Galega e ata hai dous anos. Este sindicato cualifícao de “histórico e singular líder sindical, comprometido co sindicalismo nacionalista e de clase desde os anos 70, e motor dos movementos sociais e veciñais que loitaron por importantes melloras para Ourense, e polo mantemento dos nosos servizos públicos e sociais. Deixa en nós unha pegada absolutamente indeleble e permanecerá sempre na memoria colectiva do conxunto da sociedade, pero moi especialmente, na da clase traballadora e na do noso sindicato”.

Artigos relacionados

Back to top button