ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Homenaxe a Fernando García no 52º Descenso do Sil, proba na que competiu en 34 edicións

Dedicóuselle o cartel desta prestixiosa proba de piragüismo, que comezará ás 18h. do vindeiro 15 de setembro en Sobradelo e que concluirá na praia Fluvial do Malecón do Barco

É o padexeiro que máis anos consecutivos leva tomando a saída no Descenso do Sil. Son xa 34 edicións baixando en piragua esta proba. Por iso e “porque é un piragüista significativo tanto para o club como para o propio descenso queremos dedicarlle o cartel da 52ª edición, en agradecemento por todo o que leva traballado por este deporte”. Así o aseguraba o alcalde do Barco no acto de presentación do cartel do vindeiro Descenso do Sil, na tarde do 5 de setembro nun concurrido salón de actos do edificio multiusos da vila.

Moi emocionado, García Viso quitaba o pano que cubría o cartel desta edición, xunto ao alcalde barquense, o concelleiro de Deportes, Aurentino Alonso, e a concelleira de Cultura, Margarida Pizcueta, e entre os aplausos dos numerosos asistentes, boa parte deles membros do Fluvial Barco (club ao que pertence o piragüista), pero tamén doutros como o Mobles Victoria e o Adas.

 

O piraguista barquense Fernando García Viso. / Foto: Carlos G. Hervella.

Fernando García agradecía esta homenaxe e confesaba que non a esperaba. “Nesta edición fará 35 anos que baixo o Sil, tiven uns problemas de saúde hai pouco e pensei que non chegaba para poder baixalo, pero espero que si”. Ademais tiña unha lembranza especial para a súa nai, Loli Viso, tamén presente no acto. “O primeiro que fago cando chego ao Barco, despois de acabar a proba e saudar á miña nai, foi grazas a ela como empecei a ver as piraguas cando era pequeno”.

Así unha fotografía súa baixando en kaiak o río será a imaxe do cartel deste 52º Descenso do Sil, que se celebrará o vindeiro 15 de setembro ás 18h. Pero non será a primeira ocasión na que García Viso apareza un cartel do descenso, xa que, tal e como podía comprobarse no video que se proxectaba neste mesmo acto (facendo un percorrido da súa relación co piragüismo), alá polo 1998 tamén saía nel.

Durante este acto entregabáselle unha copia especial do cartel e un detalle de recordo desta edición do descenso, que organizan o Concello do Barco e a Federación Galega de Piragüismo.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Cartel do 52º Descenso do Sil.

 

Artigos relacionados

Back to top button