CulturaCulturaÚltima hora

Homenaxe a “Sempre Xonxa”, “Urxa” e “Continental”

“CineGalicia 25”, programación especial coincidindo co 25 aniversario da estrea das tres primeiras longametraxes galegas
Presentación da programación que conmemora os 25 anos das primeiras películas galegas.
Presentación da programación que conmemora os 25 anos das primeiras películas galegas.

Hai un cuarto de século o entorno da pequena aldea valdeorresa de Santoalla (Petín) quedaba para sempre prendido á historia de Xonxa, a protagonista do filme “Sempre Xonxa”, de Chano Piñeiro. Así esta localidade convertíase en escenario da rodaxe dunha das tres primeiras películas galegas. A súa estrea tiña lugar en novembro de 1989, xunto coa doutros dous filmes “Urxa” e “Continental”. Para conmemorar o 25 aniversario deste feito a Xunta de Galicia vén de presentar a programación especial “CineGalicia 25”.

Este programa inclúe unha exposición conmemorativa, que será inaugurada o venres 21 e se abrirá ao público desde o sábado 22 de novembro no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia, e un amplo ciclo de proxeccións no Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) a partir do martes 25, ademais de colaborar coa Academia Galega do Audiovisual e a Televisión de Galicia na realización do documental “Cine en Galicia: 25 anos despois”.

A través do conxunto de actividades que promove a Consellería de Cultura e Educación, réndese tributo aos artífices daquel momento fundacional para o cine galego contemporáneo, ao tempo que se pon en valor o camiño percorrido desde entón. Así, como explicou o conselleiro, a exposición ‘CineGalicia 25’, que poderá verse no Museo Centro Gaias ata o 8 de febreiro de 2015, convida a unha viaxe por esta traxectoria poñendo de relevo o significado do cinema feito en Galicia como “expresión do imaxinario colectivo do país”.

Artigos relacionados

Back to top button