ConcellosÚltima hora

Homenaxe ao guerrilleiro Benigno Fraga Pita, cuxo corpo foi exhumado en Celeiros (Chandrexa) no 2020

Imaxe do labor de exhumación do corpo de Bengino Fraga Pita en Celeiros (Chandrexa de Queixa)./ Foto: ARMH.

 

O sábado 13 de novembro de 2021 ás 11:30 h celebrarase no Ateneo de Ferrol un acto de homenaxe a Benigno Fraga Pita, guerrilleiro que estaba enterrado nunha fosa individual na zona civil do cemiterio de Celeiros (Chandrexa de Queixa). A Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) exhumaba os seus restos en xuño de 2020, a solicitude da súa familia.

No acto no Ateneo, presentado pola xornalista Clara Bernal, intervirán representantes da ARMH, familiares e veciños de Celeiros. Tamén participarán poetas e músicos. Seguidamente, procederase ao enterro de Bengino Pita no cemiterio de Catabois ás 13:30 h.

Benigno Fraga Pita, tamén coñecido como Alejandro ou Alejandro o Vello, naceu nas Somozas, A Coruña, en 1892. Traballou como mestre armeiro nos arsenais de Ferrol. Exerceu como secretario de organización do PCE en Ferrol. Descuberta a súa pertenza ao Partido Comunista, Benigno Fraga Pita debe fuxir e incorpórase á guerrilla, segundo a información achegada pola ARMH.

Foi enviado a Ourense en agosto de 1946 e fundou a II Agrupación Guerrilleira de Galicia para a loita contra o réxime franquista xunto con Samuel Maio Méndez “Saúl” e José María Saavedra Díaz “Pepe” . Foi designado comisario político da mesma. Asentaron a súa base na Edreira, coñecida polos guerrilleiros como “O Balneario”. Era unha casa de gran tamaño no Macizo Central ourensán, onde se refuxiaban os guerrilleiros da zona entre os que se atopaba tamén Camilo de Dios, e que foi queimada pola garda civil en 1949.

 

 

“Coa necesidade apertando, o grupo viuse obrigado a baixar dos montes o mércores 27 de abril de 1949, pola vertente de San Mamede, que dá ás terras de Queixa por O Curro de Mede. Chegaron á cantina do Eliseo en Candedo, que se atopaba na desembocadura do camiño sen necesidade de achegarse á localidade. O grupo é cercado pola garda civil ese mesmo día, cando estaban a conseguir alimentos, e conseguen escapar fóra de Benigno Fraga Pita, que é asasinado”, segundo explica a ARMH.

Artigos relacionados

Back to top button