En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Homenaxe aos voluntarios, alma da Biblioteca de Verín

Polo seu proxecto de “Voluntariado Cultural con nenos/as e para nenos/as” esta instalación verinesa recibía o “Alto Patrocinio do Parlamento Europeo”

Eran os principais protagonistas da xornada. Coincidindo coa celebración do Día Internacional do Voluntariado, na tarde do 5 de decembro a Biblioteca Municipal de Verín rendía unha emotiva e festiva homenaxe aos seus voluntarios de todas as idades, dende meniños ata adultos. Eles promoven diversas actividades que se desenvolven nesta intalacións ao cabo do ano, entre elas manualidades e contacontos e, no verán, xa ao aire libre, a biblio-piscina.

Este proxecto, que nacía no ano 2009, medrou ata o que a día de hoxe representa un “luxo para a Biblioteca Municipal, e en xeral para Verín e comarca que estos nenos e nenas, de idades temperás, asuman o compromiso de acudir á súa biblioteca case todos os venres, e no verán á Biblio-Piscina, prestando o seu tempo, lendo contos e facendo manualidades con outros/as nenos e nenas de modo totalmente altruísta”, destacan os responsables da biblioteca.

Esta homenaxe, que tiña como escenario a propia biblioteca, comezaba coa intervención da concelleira de Cultura de Verín, Emilia Somoza, quen felicitaba aos voluntarios e agradecíalles o seu labor. Ao seu carón, o escritor e xornalista Francisco López Barxas, presentaba o acto e lembraba a súa relación persoal con estas instalacións culturais verinesas. Tamén confesaba que lle gustaría voltar noutra ocasión para contar un conto nelas.

Cada un dos voluntarios, ataviados coa súa camiseta identificativa, recibía o seu diploma e facíase unha mención especial ao máis veterano deles. Trátase da voluntaria Lolita Castro Paz, á que tamén se lle entregaba un ramo de flores. Aínda que non puideron estar todos no acto, houbo quen, salvaba a distancia a través das novas tecnoloxías. Así algunhas voluntarias que están fóra de Galicia enviaron un video, tamén vestindo a camiseta, para saudar aos seus compañeiros e sumarse á celebración.

Esta homenaxe pechábase coa intervención do alcalde de Verín, Gerardo Seoane, que agradecía o traballo e esforzo do voluntariado da biblioteca, “sodes un exemplo a seguir”, sinalaba. De seguido, os asistentes, desfrutaban dunha merenda na primeira planta da Biblioteca de Verín.

A Biblioteca de Verín, por este proxecto de Voluntariado Cultural con nenos/as e para nenos/as, recibía hai unha semanas o “Alto Patrocinio do Parlamento Europeo”, galardón concedido en contadas ocasións.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button