ConcellosÚltima hora

Homenaxe ás Cantareiras de Placín (Manzaneda), no concerto de Reis da Real Banda de Gaitas da Deputación

Este evento musical, que terá lugar o día 4 de xaneiro de 2018, adicaráselle ás cantareiras Clotilde Salgado García e Consuelo López García
A Real Banda de Gaitas da Deputación, durante unha actuación.

A Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense ofrecerá o vindeiro 4 de xaneiro ás 20:30 horas un concerto de Reis na Catedral de Ourense. Esta actuación será en homenaxe ás Cantareiras de Placín (Manzaneda), Clotilde Salgado García e Consuelo López García.

A presentación deste evento musical tiña lugar na mañá do 26 de decembro no Pazo Provincial, coa asistencia do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; do deputado provincial de Cultura, Manuel Doval; do director da Real Banda de Gaitas, Xosé Lois Foxo; e do bispo de Ourense, monseñor Leonardo Lemos.

Este concerto celébrase cada catro anos na Catedral de Ourense “como punto central da historia deste evento”, sinalou o director da Real Banda de Gaitas, quen explicou que este ano “dedicámosllo ás cantareiras de Placín-Manzaneda, Clotilde Salgado e Consuelo López, porque son o verdadeiro testemuño e ese enlace que comunica a Galicia rural, que foi o albergue dos cantares de Reis, e agora precisamente, cando o mundo rural esmorece, Clotilde e Consuelo, con máis de 90 anos, van a estar na Catedral de Ourense para ofrecer aqueles cánticos de Reis que son a verdadeira xoia do mundo rural, onde se mantivo a nosa cultura, a nosa lingua e a personalidade de Galicia”.

 

Acto de presentación do Concerto de Reis da Real Banda da Deputación.

Nese mesmo senso, o bispo de Ourense destacou a “calidade” e a “humanidade” da Real Banda de Gaitas coa homenaxe ás cantareiras de Placín-Manzaneda, “persoas que gardan a memoria histórica do noso folclore e da nosa cultura, do culto, da relixiosidade feita arte, o que dalgún xeito pretende a Real Banda de Gaitas con estes concertos”.

O programa do concerto incluirá pezas como a “Marcha procesional de San Faustino”, a “Muiñeira de Wojtyla”, “Deus Fratesque Gallaecia”, a “Muiñeira do Papa Francisco”, entre outras músicas que “conforman ese patrimonio inmaterial que se conservou nos pobos de Galicia ao longo das décadas”, destacou Xosé Lois Foxo.

No concerto tamén participarán Lucía Pérez, Tatiana Kostomarova & Mikhail Merzlyakov Kostomarov, Manuel Rei Olleros, Cantareiras de Placín e da Delegación Episcopal para a Vida Consagrada.

Vídeo: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button