CulturaCulturaEntroido 2021Última hora

Homenaxe do Fulión Alternativo aos maiores das dúas residencias de Viana

Entrega do diploma no exterior da Residencia de Maiores de Viana do Bolo./ Foto: Fulión Alternativo.

 

Cada Martes de Entroido pola tarde o Fulión Alternativo de Viana do Bolo acostuma visitar as residencias da terceira idade da vila para compartir cos maiores o sentimento e o son desta tradición. Sen embargo, dada a situación sanitaria actual este ano non foi posible realizar estas visitas.

Precisamente por iso os membros do Fulión Alternativo quixeron ter unha lembranza especial para os maiores nestas datas e amosarlles “o noso agradecemento por recibirnos sempre dese xeito tan cariñoso co que o fan”. E, así, neste Mércores de Cinsa un integrante do Alternativo, Chato, entregáballe un diploma de agradecemento ao persoal de atención de cada un destes centros: a Residencia de Maiores de Viana do Bolo e a Residencia da Terceira Idade San Roque. “Respectamos todas as medidas de seguridade do Covid e non se tivo contacto cos maiores, só co personal de atención”, destacan dende o Fulión Alternativo.

Ambos diplomas entréganse “en agradecemento por recibirnos cada ano coa ledicia e a ilusión de manter viva a festa Entroido. Polo aprecio e a xenerosidade co Fulión Alternativo”. Deste xeito, este fulión vianés pon broche a este Entroido tan insólito.

 

Entrega do diploma na Residencia da Terceira Idade San Roque./ Foto: Fulión Alternativo.

Artigos relacionados

Back to top button