ConcellosÚltima hora

Homenaxe na Gudiña ao histórico membro da Cruz Vermella Jesús Barros

A súa familia, acompañada por voluntarios das comarcas de Viana, Conso-Frieiras e Monterrei, protagonizou un emotivo acto

 

Homenaxe a unha persoa que foi todo solidariedade. Así se resume o emotivo acto que tiña lugar na mañá 2 de decembro na Gudiña na honra ao histórico membro da Cruz Vermella Jesús Barros, no marco das actividades organizadas con motivo do Día Internacional do Voluntariado, que se celebra o 5 de decembro.

En nome dea familia, foron a súa viúva e fillo maior quenes recolleron, de mans de Felipe Ferreiro, un detalle honorífico tras agradecer “os anos de entrega e dedicación á organización humanitaria, da que formou parte desde 1973 ata 2015, exercendo labores de dirección en diversos ámbitos, pero sobre todo deixando un legado en valores”, aseguran dende Cruz Vermella Ourense.

No acto, que se desenvolveu na Casa do Concello e na oficina da Asemblea Comarcal da Cruz Vermella, participaron, asemade, o presidente da Deputación, Manuel Baltar; o alcalde da Gudiña, José María Lago; o presidente provincial da Cruz Vermella, Felipe Ferreiro; a presidenta comarcal de Cruz Vermella, Pilar Vega, amigos de Jesús Barros e veciños da contorna. Todos coincidiron en destacar o labor humanitario e de servizo público que Jesús Barros desenvolveu ao longo da súa vida.

Felipe Ferreiro comentou a especial vocación que Barros sempre tivo polas persoas máis vulnerables. “Foi capaz de contaxiar a súa sensibilidade e levar a moitas persoas a colaborar con Cruz Vermella durante os moitos anos nos que foi a alma desta asemblea”, expresou, e a presidenta comarcal desta ONG en Viana e Conso-Frieras, Pilar Vega, dixo sentirse “moi afortunada por seguir a estela de quen foi o impulsor desta asemblea no rural, reivindicando o voluntariado, o valor de quen axuda sen recibir nada a cambio”.

Ao remate do acto os asistentes trasladáronse ás oficinas da sede comarcal da Cruz Vermella onde descubriron unha placa honorífica que recolle a homenaxe que Cruz Vermella rende a Jesús Barros, “excepcional voluntario que exerceu labores de dirección e presidencia entre os anos 1973 e 2015, recibindo a Medalla de Ouro en 2009 pola súa xenerosidade, bonhomía, dedicación e legado en valores a esta organización humanitaria”, sinala o texto.

 

Artigos relacionados

Back to top button