CulturaCultura

Homenaxe a Rodolfo Prada no trixésimo sétimo aniversario do seu pasamento

O acto celebrouse nos Peares, a súa vila natal, no que estivo presente a súa neta que é a primeira vez que vén dende Chile a Galicia
Manuel Baltar e María Soledad Prada, neta de Rodolfo Prada.

A sede do Consorcio dos Peares acolleu onte, 3 de novembro, o acto de homenaxe en favor do galeguista Rodolfo Prada no trixésimo sétimo aniversario do seu pasamento. O evento estivo promovido pola Deputación.

No seu discurso, o presidente da institución provincial, Manuel Baltar, dixo que Prada “foi quen de unir coa súa intelectualidade a Xeracíón Nós e a Transición, nun longo periodo que abrangue gran parte do século XX, no que Rodolfo Prada participou en todos os movementos galeguistas do dito século”. Home de confianza de Castelao na Arxentina, Rodolfo Prada “destacou –afirmou Baltar- polo se ourensanismo militante en América, sendo un dos ourensáns máis universais”.

No acto, participou tamén a neta de Rodolfo Prada, María Soledad Prada -quen visita por primeira vez Galicia, procedente de Chile, país no que reside-; así como familiares do intelectual ourensán e representantes institucionais, culturais e sociais.

Manuel Baltar expresou que Prada “participou, dunha ou doutra maneira, desde América, en todos os movementos que conforman a actividade galeguista do século XX; desde as Irmandades da Fala, en 1918, ata a transición política e a autonomía, en 1980, ano da súa morte, pasando antes por un estreito contacto cos homes da Xeración Nós, o labor do PG, a campaña do Estatuto e o plebiscito, en 1936, a acollida ós exiliados e a recuperación cultural, en Bos Aires, a Galicia Ideal, os conflitos cos galeguistas do interior, nos que foi mediador válido e, sobre todo, o ser home de confianza de Castelao e xestionar, como albacea, o seu legado”.

Manuel Baltar, na clausura do acto de homenaxe a Rodolfo Prada, nos Peares.

Baltar lembrou que o xurado do Premio Ourensanía determinara hai un ano ampliar o galardón “para darlle un carácter histórico que permitise rescatar a memoria e a obra de ilustres fillos de Ourense, falecidos, que tivesen contribuído ó engrandecemento da propia ourensanía, desde calquera ámbito e en calquera parte do mundo”. Así, o primeiro distinguido coa “Ourensanía de Honor”, por unanimidade, foi Rodolfo Prada Chamochín, nado nesta localidade dos Peares hai 125 anos, e de quen celebramos, o 37 cabodano. Entre os moitos méritos deste persoeiro do galeguismo político e cultural destaca tamén o seu circio ourensanismo”.

Pola súa banda, a neta do galeguista, agradeceu a homenaxe impulsada pola Deputación  destacando que o seu avó “sempre considerou un privilexio pertencer a unha terra como Ourense e Galicia”, mentres que o escritor e presidente do PEN Galicia, Luis González Tosar, dixo no acto que Rodolfo Prada “defendeu a realidade propia de Galicia”, sen necesidade de verse no espello doutros modelos de Europa, “e así o escribiu en 1932 nun ideario político sobre de Galicia”. “Prada –engadiu Tosar- orientou a corrente galeguista de América cara á reivindicación da nosa lingua e a nosa identidade, pero sen extremismos, porque un galeguista non pode caer nunca no separatismo precisamente porque o galeguismo é solidario”.

O acto asemade, coa participación do alcalde da Peroxa, Manuel Seoane, e do presidente da Asociación cultural “Rodolfo Prada Chamochín”, Francisco González, quen agradeceu á Deputación de Ourense os compromisos adquiridos para a realización do monumento e o premio que leva o nome do intelectual dos Peares. A parte musical correo a cargo do gaiteiro Marco Foxo, quen interpretou o Himno Antergo de Galicia e o Himno da Provincia de Ourense.

 

Artigos relacionados

Back to top button