ConcellosGalerías de fotosO BarcoÚltima hora

Homenaxe sorpresa a Irene Dacal por parte do Barco CCA, Aeva e a Ruta do Viño de Valdeorras

Tras nove 9 anos como concelleira de Comercio e Turismo, renunciaba ao cargo a pasada semana por motivos persoais

 

A modo agradecemento polo seu labor durante nove anos á fronte da Concellería de Promoción Económica, Turismo, Comercio e Consumo do Barco, Irene Dacal, que presentaba a súa renuncia ao cargo a pasada semana por motivos persoais, recibía unha cariñosa despedida sorpresa por parte do sector empresarial do municipio.

Así, ás 13:30h. deste  venres 12 de xuño a ex concelleira acudía á sede do Barco Centro Comercial Aberto (CCA), a Asociación Empresarial de Valdeorras (AEVA) e a Ruta do Viño de Valdeorras onde era homenaxeada por estas entidades e recibía un agasallo.

“Queremos agradecer a Irene a súa colaboración como concelleira. Sempre participou nas nosas reunións de maneira positiva e axudou moito ao desenvolvemento no tempo no que estivo aquí”, indicaban os representantes da asociacións, que lle desexan o mellor nesta nova etapa que agora comeza.

 

Irene Dacal recibindo o agasallo de mans da presidenta do Barco CCA.

 

Pola súa banda, Irene Dacal agradecía este xesto e brindábase a ser embaixadora de Valdeorras en Arcade (Pontevedra), onde residirá a partir de agora. Tamén propoñía facer un irmanamento gastronómico entre produtos emblema do Barco como os viños ou o botelo coas ostras de Arcade.

Neste acto participaban os presidentes das tres asociacións mencionadas, así como outros membros da directiva e as súas xerentes.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button