SanidadeÚltima hora

O Hospital Nai (CHUO) cesa a hospitalización co traslado de Paliativos e Oncoloxía

Os pacientes foron movidos ao Hospital Cristal e ao novo edificio de Hospitalización, quedando o Nai para consultas e asistencia ambulatoria, consultas e probas externas e hospital de día
Edificio do Hospital Santa María Nai.

Co traslado o pasado sábado, 25 de novembro, dos pacientes de Oncoloxía e Paliativos, que ata o de agora permanecían ingresados no Santa María Nai, este centro deixa de estar operativo no eido da hospitalización, pasando a estar dedicado á asistencia ambulatoria, como núcleo de consultas e probas externas e hospital de día.

Os últimos pacientes ingresados no Nai, dez de Coidados Paliativos e 18 de Oncoloxía, segundo os datos achegados pola EOXI de Ourense, Verín e o Barco de Valdeorras, xa ocupan as súas novas habitacións situadas na primeira planta do Cristal e no novo edificio de Hospitalización, co que contarán cun área de ingreso na sétima sur, con habitacións individuais de presión positiva, especialmente indicada para o ingreso de pacientes inmunodeprimidos.

Dende o CHUO apuntan que está previsto que o Nai acolla novas áreas de consultas, así como servizos administrativos, como os ubicados nas instalacións provisionais de obra (casetas), tras a educación dos espazos agora dispoñible.

Para a plena posta en marcha do novo edificio de Hospitalización, tan só resta o traslado da Unidade de Agudos de Psiquiatría, na actualidade situada nun edificio xunto ao Nai, de construción posterior, e que está previsto que ocupe a primeira planta sur, “cambio que se realizará nos vindeiros días”, recalcan.

Ao traslado de pacientes, desde o Nai e o Materno, hai que engadir os traslados internos dentro do propio Cristal, cara as alas dereitas tras os oportunos traballos de adaptación,  poñendo fin á existencia habitacións triples, sendo todas dobres ou individuais. Xunto a elo, dende o CHUO están a traballar na elaboración do plan funcional para a reforma de todas as áreas de hospitalización do Cristal, a fin de licitar, no menor tempo posible, a redacción deste proxecto e súas obras.

Artigos relacionados

Back to top button