En portadaÚltima horaVídeos

Hoxe restablecerase o tráfico ferroviario no tramo Sobradelo-Quereño

A presidenta de Adif, que visitaba esta zona, considera que os "niveis de mantemento das vías en Galicia son os adecuados"

 

Dezasete días despois do accidente dun tren de mercadorías en Sobradelo (Carballeda de Valdeorras), que deixaba interrompido o tráfico ferroviario na zona, espérase que ao longo desta xornada se restableza a circulación no tramo Quereño-Sobradelo. Así o vén de anunciar a presidenta de Adif, Isabel Pardo de Vera, que se desprazaba na mañá deste 12 de agosto ata o lugar para supervisar os traballos de reparación da infraestrutura e de recuperación do entorno, acompañada, entre outras persoas, pola alcaldesa de Carballeda, María Carmen González.

“A operación está terminada, agora vaise acabar de batear, procedeuse ao accionamento do motor de desvío, xa está a catenaria así que en breve, mesmo nesta mañá, daremos xa a circulación”, indicaba Pardo de Vera, quen lamentaba o sucedido pola caída dos vagóns (un ao talud sobre o Sil e outro na ribeira do río). “Comprendo a indignación que xerou, non só como presidenta de Adif, senón tamén como galega”, dicía.

Así mesmo Pardo de Vera, reiteraba e confirmaba o compromiso de Adif “coa protección do medio ambiente” e comentaba que, “unha vez acontecido este desgrazado suceso, puxémonos en marcha dende o minuto cero para establecer un plan con todas as garantías para minimizar os riscos medioambientais e coa maior celeridade, tendo en conta ademais as circunstancias de gran complexidade técnica. Concluíse de forma satisfactoria e estamos esperando os resultados da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil respecto á contaminacón da auga e de posibles verquidos, que cremos que non houbo ningún, e os impactos foron mínimos, tal e como comentaba o propio presidente deste organismo de conca”.

 

 

A presidenta de Adif apuntaba ademais que dende o principio abriuse unha investigación, “unha auditoría interna porque é esencial coñecer como se teñen producido estes feitos co fin de poñer todas as barreiras para que esta situación non se volva producir e para tomar accións e manter o compromiso de Adif co medio ambiente”. Tamén explicaba que se están a investigar as causas do accidente do tren.

 

 

“Os niveis de mantemento das vías en Galicia son os adecuados”

Preguntada pola prensa sobre a situación que presenta a rede ferroviaria convencional galega, a presidenta de Adif aseguraba que “non houbo grandes incidencias nos últimos 5 anos por causa das infraestruturas, polo tanto, os niveis de mantemento da vía son os adecuados. Dende logo, sempre hai que repoñer e modernizar as liñas en canto rozan a obsolescencia, pero os niveis de mantemento en Galicia eu creo que son máis que aceptables”.

Isabel Pardo de Vera referíase ademais á importancia do Corredor Atlántico. “O seu plan director está creado, pero é certo que ese corredor sen a conexión dos portos non é un proxecto completo. Os proxectos están tan maduros que nos fondos de reconstrución europeos o ferrocarril ten que xogar un papel fundamental”, adiantaba.

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button
Close