DeportesGalerías de fotosÚltima hora

Hugo Sánchez gana o V Cross Popular do Salgueiral no Barco

Uns 150 atletas de todas as idades se daban cita nesta proba barquense, a segunda do Circuíto “Comparte Valdeorras”

Coa carreira absoluta daba comezo ao mediodía do 22 de novembro, cunha lixeira chuvia, o V Cross Popular do Salgueiral. Preto dun cento de corredores das categorías absoluta, veteranos e cadetes tomaban a saída situada na área recreativa barquense do Salgueiral, por onde discorría todo o trazado da competición cunha distancia de 5 km (agás para os cadetes que corrían 2,2 km).

O mellor resultado nesta competición lográbao o representante valdeorrés do Club Adas Proinor, Hugo Sánchez, cunha emocionante e desputada entrada meta con Iván Fernández, o segundo clasificado e tamén compañeiro de club. Un pouco máis tarde cruzaba a meta o terceiro absoluto, o veigués Damián Anta, do mesmo club valdeorrés.

En absoluto feminino a ganadora da cita era a barquense Ana García (Adas), a segunda Marta García (Running Ponferrada) e a terceira Noemí Fernández (Adas).

Rozando a unha da tarde, e unha vez finalizada a carreira dos maiores, comezaban as competicións das categorías inferiores: os infantís (cun traxecto de 1 km), dez minutos despois os alevíns (700 m), ás 13:05h. os benxamíns (500 m) e, finalmente, ás 13:15h. os prebenxamíns (100 m).

Esta competición, cuxo programa se completaba coa entrega de premios, ten sido organizada polo Club Adas Proinor en colaboración co Concello do Barco de Valdeorras e coa Delegación da FGA en Valdeorras.

Fotos: Ángeles Rodríguez

Artigos relacionados

Back to top button