DeportesÚltima hora

I Aberto de Billarda este venres, 24 de agosto, en Manzaneda

O campionato comezará ás cinco da tarde no campo de fútbol do Poboado
Xogando á billarda. /Foto: Carlos G. Hervella.

En Trives levan xa un tempo facéndoo e este ano tamén se animaron en Manzaneda. Este venres 24 de agosto a partires das cinco da tarde, celebrarase no campo de fútbol do poboado, a carón da pista de tenis, o I Aberto de Billarda.

A billarda foi un dos xogos máis coñecidos e populares de Galicia ao longo de toda a súa historia, xogado especialmente na época estival e recuperado nos últimos  tempos. Como xogo tradicional que é contén diferentes concepcións que forman parte da sociedade, teñen unha dimensión lúdica e educativa, e son parte importante da convivencia e cooperación en grupo. Fomenta a creatividade, xa que os obxectos deben ser fabricados ou deseñados por un mesmo, e a comunicación, porque obrigan a falar cos compañeiros para poñerse de acordo e negociar as regras.

Malia que existe unha gran variedade de nomes e variantes segundo os lugares nos que se practica, a característica común do xogo consiste en darlle cun pau (panca, palán, palín, palén ou varal) a outro máis pequeno (billarda, que dá nome ao xogo), para elevalo e despois envialo o máis lonxe posible.

Na organización da actividade deste venres (a nivel galego) colaboran a Liga Nacional de Billarda e o Concello de Manzaneda.

 

Cartel do aberto de billarda en Manzaneda.

Artigos relacionados

Back to top button