En portada

I Cata de Garnachas de cepas centenarias de Galicia, en Valdeorras

Será nunha organizada polo Periódico O Sil e polo director da guía Vinos de Galicia, Luis Paadín

 

Un dos viños de garnacha de cepas vellas de Valdeorras./ Foto: Carlos G. Hervella.
Un dos viños de garnacha de cepas vellas de Valdeorras./ Foto: Carlos G. Hervella.

Era unha variedade desprezada, pero co paso dos anos, a garnacha tintureira vén de converterse nun auténtico tesouro na D.O. Valdeorras. As súas cepas centenarias están a dar lugar a viños dunha expresividade única que lle están abrindo a esta denominación un novo camiño nos tintos de calidade.

Para descubrir e valorar a realidade destas elaboracións e tamén o seu potencial o Periódico O SIL e Luis Paadín, director da Guía de vinos, destilados y bodegas de Galicia 2015, organizarán a I Cata de Garnachas de cepas centenarias de Galicia.

Terá lugar en Valdeorras a mediados de xaneiro e nela participarán unha decena de catadores de recoñecido prestixio nacional. “A idea é valorar a realidade e a potencialidade dunha uva que foi denostada e que agora está dando os viños máis expresivos de Galicia. Iso é unha realidade”, destaca Luis Paadín, que ten recollidos xa algúns destes tintos na edición da guía do 2015, mentres que outros aparecerán na edición do ano 2016.

Será unha cata cega, onde a única información que van ter os catadores é que son viños de Valdeorras e as colleitas ás que pertencen. Viño a viño, e sen desvelar a marca, puntuarán e farán unha valoración con notas de cata. As garnachas que se catarán serán nove: Ladeira Vella (A Coroa), Escada Lembranzas e Escada (Alán de Val), Garnacha vella da chaira do Ramiriño (Sampayolo), Memoria de Ventura (Adega da Pinguela), Traste (Adega José Luis Arestegui Anido), Ruchel garnacha (Ruchel), Viñaredo garnacha (Santa Marta) e Lagar de Cigur barrica (Melillas).

Un panel de cata de luxo:

– Agustín González (Director Técnico da D.O. Ribera do Duero)
– Alejandro González (Director Técnico da D.O. Tierra de León)
– Alejandro Paadín (Secretario xeral da Asoc. Sumilleres Gallaecia)
– Carlos González (Técnico ITACYL)
– Carmen Gómez (Directora Técnica da D.O. Bierzo)
– Jorge Mazaira (Director Técnico da D.O. Valdeorras)
– José Ignacio Marqués (Director Técnico da D.O. Arlanza)
– Luis Paadín (Autor da Guía de Vinos y Destilados de Galicia)
– Santiago Castro (Director Técnico da D.O. Toro)
– Santiago Pérez (Técnico da D.O. Valdeorras)

Artigos relacionados

Back to top button