SanidadeÚltima hora

“I Curso de Proctoloxía para Médicos de Atención Primaria”, no Hospital Universitario de Ourense

Reunía a máis de setenta médicos dos Centros de Saúde, Urxencias e Puntos de Atención Continuada de toda a provincia

Un dos momentos do curso./ Foto cedida.

O Hospital Universitario de Ourense acollía este 24 de outubro o “I Curso de Proctoloxía para Médicos de Atención Primaria”, unha iniciativa pretende afondar na tipoloxía e manexo de enfermidades proctolóxicos moi frecuentes nas consultas dos centros de saúde,  que habitualmente teñen unha resposta compartida entre especialistas de primaria e cirurxía.

Hemorroides, fisuras ou sangrados son problemas recto-anais moi comúns, e con gran prevalencia, que casi na súa maioría son atendidas polos especialistas de medicina familiar e comunitaria. Estes son, en gran medida, os responsables últimos da súa atención pero, nalgúns casos, a falta de resposta aos tratamentos, necesidade de probas complementarias, ou agravamento dos síntomas fai preciso derivar aos pacientes ao Servizo de Cirurxía, que en Ourense conta cunha unidade especializada en Coloproctoloxía, desde onde tamén poden indicar outras alternativas terapeúticas ou dar resposta cirúrxica.

Un alto porcentaxe dos casos poden ser atendidos, integramente e con calidade, no seu Centro de Saúde, sen precisar cirurxía nin trasladarse ao hospital, polo que no curso afondase especialmente nos criterios de derivación, e alternativas de tratamento, desde Atención Primaria. Na procura dunha atención continuada e integral aos pacientes, mediante a mellora da coordinación entre ambos niveis asistenciais.

Manual para Médicos de Primaria

Ademais no marco do curso presentouse o novo “Manual de Coloproctoloxía para Atención Primaria”, editado polo Grupo Galego de Coloproctoloxía, onde se recollen as patoloxías ano-rectais mais frecuentes, causas e estratexias de diagnóstico e tratamento. No libro, que se repartíu entre os asistentes, colabora Ines Aldrey, da Unidade de Coloproctoloxía de Ourense, xunto con especialistas doutros hospitais públicos de Galicia

“A coordinación entre os niveis asistenciais é básica para ofertar unha asistencia de calidade, próxima ao paciente, áxil e cun uso racional dos recursos. Trátase de cambiar a cultura de “derivación ao especialista” por un sistema moderno de posta en valor dos coñecementos e experiencia dos especialistas de primaria, co apoio dos de hospital, para evitar perdas de tempo e valor clínico, afondando no que se ven facendo desde Ourense a nivel provincial”, tal e como se indica dende o Sergas.

Este encontro foi organizado pola Unidade de Coloproctoloxía do Hospital Universitario de Ourense e polo Grupo Galego de Coloproctoloxía, da Sociedade Galega de Cirurxía, a súa convocatoria en Ourense superou todas as expectativas, reunindo a mais de setenta médicos dos Centros de Saúde, Urxencias e Puntos de Atención Continuada de toda a provincia.

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button