CulturaDeportesÚltima hora

I Marcha solidaria en bicicleta polo Camiño de Inverno, o sábado 12 de abril

O punto de partida e meta será a praza do Concello da Rúa, percorrendo o tramo que discorre polos municipios de Vilamartín e O Barco
Presentación das actividades, na Rúa.
Presentación das actividades, na Rúa.

A Asociacón Amigos do Camiño de Santiago por Valdeorras, presentaba na mañá do 10 de abril, o calendario de actividades para o 2014, un programa que inclúe camiñatas e visitas a distintos puntos da comarca e fóra dela, como a IX Subida ao Barranco Rubio ou a ruta Castelo Torrenovaes-Hospital-Hermida-Quiroga previstas para o mes de xuño, así como a ruta polo Camiño de Inverno dende Ponferrada ata Santiago de Compostela que comezará o 10 de setembro, entre outras.

Con todo, a primeira das actividades está prevista para este mesmo sábado 12 de abril. Trátase da I Marcha solidaria en bicicleta entre A Rúa e O Barco de Valdeorras seguindo o trazado do Camiño de Inverno.

O carácter solidario da proba implica que no momento da inscrición, cada participante leve un quilo de comida (preferiblemente sopa, espaguetis, azucre moreno, aceite, tomate frito, faba branca ou galletas María) que serán entregados ao banco de alimentos de Cáritas Interparroquial con sede no Barco.

Tal como explicaron os membros da asociación na presentación, haberá tres puntos para a recollida dos alimentos: a praza José Antonio Míguez Freire da Rúa, O Bañdoiro en Vilamartín e a praza do Concello do Barco.

A marcha, que non será competitiva, sairá ás 9:30h. dende a praza do Concello da Rúa, pasando por Fontei, San Roque, Valencia do Sil, O Bañadoiro, Arcos, A Proba, Tremiñá e Veigamuíños, chegando ata a praza do Concello do Barco en torno ás 11h. Tras unha parada para descansar dunha hora, os ciclistas comezarán o percorrido de volta, rematando de novo na céntrica praza ruesa, en torno ás 13:30h.

Texto e foto: Mónica G. Bellver

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button