OurenseÚltima hora

I Trail e Andaina Solidaria Camiñando polo Dano Cerebral, o 12 de setembro en Ourense

A inscrición está aberta en ata o día 7

Presentación do trail e andaina solidarios.

 

Un trail e andaina solidaria en Ourense; o percorrido da última etapa do Camiño de Santiago cun grupo de persoas con dano cerebral; un ciclo de charlas en concellos xacobeos; un vídeo; e un folleto para informar á poboación galega e á peregrina sobre como previr o dano cerebral adquirido, son as iniciativas que compoñen “Camiñando polo dano cerebral”, o proxecto que FEGADACE desenvolve desde maio de 2021 no marco do programa O Teu Xacobeo.

A prevención do dano cerebral é unha preocupación transversal para FEGADACE. “A nosa discapacidade non se pode evitar, pero si se pode previr incidindo nas súas causas”, aseguran, explicando que as iniciativas de promoción da saúde e fomento de hábitos de vida que, como o deporte, son chave na prevención da principal causa do dano cerebral, os ictus, son un dos piares de actuación da Federación Galega de Dano Cerebral.

E por iso, no marco dos proxectos de prevención e promoción da saúde, FEGADACE organiza en Ourense, o domingo 12 de setembro, o I Trail e Andaina Solidaria Camiñando polo Dano Cerebral, que conta coa colaboración da Federación Galega de Atletismo (delegación de Ourense), do Consello Municipal de Deportes da Cidade, do Concello de Pereiro de Aguiar e da Deputación de Ourense (Inorde).

 

 

FEGADACE quixo favorecer a participación de todas as persoas interesadas cun trail de 14 quilómetros, e tamén cunha andaina máis curta, de 8,5, para que cada quen poida modular en función da súa capacidade física. Ademais, para aquelas persoas con mobilidade reducida que non poidan asumir calquera dos percorridos ao completo, está dispoñible o tramo final, de 400 metros e totalmente accesible, libre de inscrición.

A inscrición está aberta en carreirasgalegas.com, onde se pode consultar a ficha técnica, a ruta do trail, a ruta da andaina, descargar o regulamento e acceder ao protocolo COVID-19 xunto coa correspondente declaración responsable. A cota solidaria de inscrición é de 10 euros no trail e 5 euros na andaina. Tamén está dispoñible un Dorsal 0. O prazo para anotarse finaliza o 7 de setembro.

Tanto a saída como a meta localízanse na Pista de Atletismo do Campus de Ourense, e o percorrido levará ás persoas participantes por sendeiros e camiños da cidade e do veciño concello de O Pereiro de Aguiar.

Artigos relacionados

Back to top button