CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

I Xornada de convivencia intercomarcal “Lela e Tuxo”, o 29 de xuño en Vilariño de Conso

Participarán os centros de educativos de 0 a 3 anos de Manzaneda (Casa niño), Riós (PAI), A Mezquita (Conciliación familiar), A Veiga (Casa niño), Viana do Bolo (Galiña Azul), Vilariño de Conso (PAI) e A Gudiña (Casa niño)
Logo da Casa niño de Manzaneda, unha das participantes no encontro.

 

Arredor da temática da castaña xirará a I Xornada de convivencia intercomarcal “Lela e Tuxo”, que se celebrará o vindeiro 29 de xuño en Vilariño de Conso. Esta iniciativa que se desenvolverá entre as 4 e as oito da tarde será organizada polo Concello de Vilariño de Conso e o PAI (Punto de Atención a Infancia) deste municipio.

Nela participarán os centros educativos para nenos e nenas de 0 a 3 anos da comarca Conso-Frieiras: Riós (PAI), A Mezquita (Conciliación familiar), A Veiga (Casa niño), Viana do Bolo (Galiña Azul), Manzaneda (Casa niño), A Gudiña (Casa niño) e Vilariño de Conso (PAI). Estes centros, xunto coa Asociación Cultural Os Tres Reinos, colaborarán tamén coa organización.

Con esta iniciativa, que terá un carácter rotatorio por cada un dos municipios participantes, preténdese “dinamizar este sector da poboación e poñer en valor os recursos medioambientais, sociais e económicos do rural galego, así como o establecemento de relacións sociais satisfactorias entre os diferentes centros de educación e programas de conciliación existentes nos concellos participantes”, indican os promotores.

Outro dos obxectivos é “fomentar as relacións sociais entre familias con nenos e nenas menores de 3 anos e promover a importancia de centros que permitan a conciliación familiar no rural. Será parte importante da convivencia a observación maila exploración do entorno natural, social e cultural do rural galego para crear un lazo de unión entre o medio e os máis cativos e cativas”, engaden dende a organización.

Ademais a convocatoria terá un carácter aberto e a ela ppoderán acudir todas aquelas familias, “independentemente da súa procedencia, que estean interesadas nas actividades desenvoltas durante a xornada”, din os promotores.

O eixo temático do encontro será a castaña. “Este produto é un lazo de unión entre os concellos participantes, polo que será protagonista da xornada. Para iso contaremos con dúas personaxes destacas, Tuxo e Lela. Trátase de dúas castañas que virán visitar os mais pequenos e contarlle a súa historia, establecendo así́ unha relación entre os participantes e os recursos naturais e medioambientais do rural”, adiantan dende a organización.

A xornada incluirá as seguintes actividades:

– Bailando xuntos: a través dunha pantalla de tecnoloxía LED realizarase un taller de baile.

– Salta-salta: contarase con dous inchables .

– Quen son Lela e Tuxo?: da man dun contacontos poderán coñecer a historia de Lela e Tuxo.

– Pintacaras: os nenos poderán pintar as súas caras con debuxos coas personaxes protagonistas, Lela e Tuxo.

– Por onde ir?: En colaboración coa DXT crearase un circuíto con diversos obstáculos e sinalización que os nenos/as poderán percorrer manexando diversos vehículos. Haberá ademáis un espazo no que os pais e nais poderán resolver dúbidas sobre a seguridade dos máis pequenos.

Ademais, cada centro educativo terá un stand onde se realizaran ata sete talleres diferentes
(globoflexia, pintura, etc).

Artigos relacionados

Back to top button