CulturaCulturaEducaciónOurenseÚltima hora

I Xornadas de Deporte Universitario Galaico-Duriense, en Ourense

A presentación deste foro contaba coa presenza do secretario xeral para o Deporte
Autoridades asistentes á presentación destas xornadas no campus de Ourense.
Autoridades asistentes á presentación destas xornadas no campus de Ourense.

O Campus de Ourense acollía os días 11 e 12 de xuño as I Xornadas de Deporte Universitario Galaico-Duriense baixo o título “Estratexias para as relacións comunicativas en Servizos Deportivos”. Entre os participantes no encontro estivo o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, quen destacaba as novas posibilidades de actuación e financiamento que brinda Europa para o fomento do deporte e a vida activa a través do marco financeiro aprobado en decembro de 2013 para os anos 2014 ata o 2020, que vai permitir investir preto de 266 millóns de euros en deporte. Máis en concreto referíase ao programa Erasmus Plus, no que prioritariamente se articula a política europea para o deporte e que afecta ademais a outros campos prioritarios de acción, todos eles intimamente relacionados, que son a educación, a formación e a xuventude.

Ademais Lete Lasa animaba a toda a comunidade universitaria que integra o Grupo Galaico-Duriense a ir “da man nesta nova senda de actuación europea, como tantas veces temos feito desde a Eurorrexión Galicia e Norte de Portugal”, mediante programas transfronteirizos de cooperación “cos que ofrezamos solucións para acadar sociedades máis sas a través da actividade física e o deporte”.

Xunto a Lete Lasa, na presentación das xornadas estiveron ademais o vicerreitor do Campus de Ourense da Universidade de Vigo, Virxilio Rodríguez; o alcalde de Ourense, Agustín Fernández; e o director da Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal (CEER), Rubén Lois. Todos eles quixeron amosar o apoio das súas institucións a esta iniciativa interrexional. “Estas xornadas son un paso máis no camiño de potenciar a nosa realidade conxunta e no traballo común por fomentar estilos de vida activos e saudables na comunidade universitaria e na cidadanía”, sinalaba Virxilio Rodríguez.

No decurso destas xornadas os participantes intercambiaron casos de éxito levados a cabo nas súas respectivas universidades, asistiron a conferencias de especialistas sobre como mellorar a xestión da comunicación nas súas institucións e debatiron sobre necesidades e inquedanzas comúns.

Por parte da Universidade de Vigo, Javier Rial, responsable do Servizo de Deportes, foi o encargado de explicar cal é a estratexia de comunicación deste departamento. “O noso obxectivo é que ninguén se despiste, que o que fagamos sirva para xerar comunicacións efectivas, para facer comprender máis que a nosa contribución é importante”, apuntou Rial. A busca de oportunidades, a creatividade, a formación e a alienación do seu servizo cos valores da institución, como a internacionalización e a excelencia, foron algunhas das claves remarcadas polo responsable do Servizo de Deportes da Universidade de Vigo.

Este encontro foi organizado polo Grupo Galaico-Duriense de Universidades –integrado polas universidades da Coruña, Minho, Porto, Santiago de Compostela, Trás-os-Montes e Alto Douro, e Vigo- xunto coa Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal.

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button