EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

I Xornadas de Valdeorras na Coruña, na Taberna O Secreto

Celebraranse do 10 ao 20 de maio e incluirán degustacións, catas de viños e unha cea maridada de produtos valdeorreses
Os viños de Valdeorras terán un protagonismo especial nestas xornadas./ Foto: Carlos G. Hervella.

Por primeira vez o Concello do Barco decidiu celebrar as primeiras Xornadas de Valdeorras na Coruña como iniciativa pioneira para intentar incrementar a proxección xeral da nosa comarca, con vocación de estendela en próximas edicións contando coa participación plena de adegas e proveedores de Valdeorras, e celebrarse en distintos establecementos tanto de Coruña como dos núcleos de maior poboación de toda Galicia, no que podería convertirse na “Semana de Valdeorras”, á que se espera se unan todos os Concellos da nosa comarca, con interese, identidade e destino comúns: SOMOS VALDEORRAS.

Estas accións teñen o obxectivo de potenciar a nosa propia identidade e captar a atención e interese do noso público máis potencialmente obxectivo a través do coñecemento dos nosos produtos, a nosa gastronomía, a nosa cultura e do noso gran potencial turístico, ofrecéndonos como destino privilexiado pola nosa riqueza natural, para intentar abrir a todo o mundo en xeral e aos nosos veciños en particular a Galicia interior da que somos porta e teito, que é incriblmente descoñecida e que sorprende a todos cando nos visitan.

Non se se trata só de dar maior visibilidade e saída aos nosos produtos máis alá dos grandes motores da nosa economía como a lousa e o viño, que están ao máis alto nivel mundial, senón de facer que todo o que xeramos e producimos, a forma en que vivimos e o noso privilexiado entorno natural, sexa amplamente coñecido e ofrecido de forma atractiva para convencer a todo o mundo de que Valdeorras non só merece a pena visitala, senón que é un privilexio vivila.

Estas Xornadas de Valdeorras na Coruña terán lugar do día 10 ao 20 de maio, e concentraranse a modo de ensaio nun só establecemento e cidade: A Taberna O Secreto da Coruña, un auténtico icono gastronómico e de encontro no centro da cidade, que destaca ademais como viñoteca, non en van Xurxo Rivas Vázquez, que co seu tío Pepe Vázquez Castro rexenta este “templo” foi Nariz de Ouro Nacional entre outros recoñecementos.

Mercede aos patrocinios das cinco adegas ás que a organización solicitou colaboración (o límite descrito das Xornadas non permitía “este ano” dar cabida ás 45 adegas da nosa D.O. nin a máis viños dos seleccionados), serviranse viños en barra a prezo reducido dando a posibilidade de adquirir as copas oficiais da D.O. Valdeorras, que colabora igualmente nestes eventos. Poranse á venda os viños por botella e estarán presentes en todas as mesas do restaurante e estanterías e adegas de Valdeorras.

 

O sumiller Luis Paadín, director da “Guía de Viños e Adegas de Galicia”./ Foto: Carlos G. Hervella.

Á alta calidade dos viños seleccionado para a cata uniranse a enorme categoría profesional e personal do mestre Luis Paadín, colaborador esencial nas Xornadas, cuxa participación eleva estas Xornadas, xunto aos nosos viños e gastronomía ao nivel de excelencia. Para este acto, polas súas características, necesariamente limitarase especialmente o aforo.

O día 17 de maio, e a unha hora temperá (20:30h.) para non ser causa de ausencia para os que ao día setuinte teñen que madrugar, celebrarase unha cea para a que non poucos recordaron á organización o entrante do menú das xa cinco festas do Botelo celebradas na Coruña; a empanada de maravallas, que maridada cun godello abrirá a cea. A continuación servirase un arroz de Valdeorras (tamén denominado ás veces arroz de pobo, con androllas), maridado cun orixinal rosado de mencía e de terceiro prato degustarase un excelente cabrito asado para o que Marcos, o gran Chef do Restaurante O Piquiño do Barco, desprazarase expresamente á Coruña para preparalo. Esta exquisitez maridarase cun garnacha e mencía barrica.

O pan tamén virá de Valdeorras e será toda unha declaración de intencións pensando no futuro, igual que a empanada, que de todas as especialidades e fornos formarán parte dos menús, a modo de auténtica especialidade, en próximas edicións.

De sobremesa servirase bica do Barco con licor café, licor de herbas e augardente, rematando cos clásicos cafés, infusións, e xa fóra de menú, cunha coctelería “autóctona” a base dos nosos clásicos licores.

A música rematará a sesión e ata o día 20 seguirá a oferta dos viños, para máis tarde facer balance e comezar a pensar en mellorar e superar o que teñamos podido conseguir.

A maridaxe de pratos e viños será comentada por Xurxo Rivas para poder desfrutar con máis intensidade de todos os manxares cos seus sempre acertados comentarios e recomendacións.

Texto: José Ángel Rodríguez Delgado.

 

Cartel das xornadas.

Artigos relacionados

Back to top button