PolíticaÚltima hora

Iago Tabarés liderará a candidatura do BNG por Ourense ao Congreso

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, vén de presentar a “candidatura de país” desta formación para as eleccións xerais, plantexada como “proxecto común para darlle voz a Galiza” no Estado
Iago Seara (primeiro pola esquerda), xunto a Ana Pontón e ao resto de cabeza de lista das outras provincias galegas.

O BNG vén de presentar aos cabezas de lista das catro provincias galegas ao Congreso nas vindeiras eleccións xerais do 28 de abril. Iago Tabarés liderará a candidatura en Ourense, Nestor Rego na Coruña, Maite Ferreiro en Lugo e Carme da Silva en Pontevedra.

Trátase dunhas candidaturas que a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, definiu como “de país, que transcende as propias siglas do Bloque para ser un proxecto común en defensa dos intereses dos e das galegas, un proxecto ambicioso de país”.

Para Pontón este contexto electoral “é o momento de apostar polo BNG porque as nosas propostas melloran o país que compartimos, defenden os dereitos das maiorías sociais e ofrecen un horizonte no que ninguén quede atrás”. Por iso, recalcou, “non hai que deixarse levar nin polo medo nin pola resignación”.

Ademais aseguraba que nesta campaña “temos que facer que se fale de Galiza, conseguir que os nosos problemas non sexan unha nota a pé de páxina”, alertando ao mesmo tempo do “desfile de cargos de Madrid que só veñen a colleitar votos pero que nada aportan salvo un centralismo que nos discrimina e nos empobrece”.

Pola súa banda, Iago Tabarés como cabeza de lista por Ourense facía un chamamento para “rachar coa dinámica” dunha provincia “na que somos famosos por ter máis pensionistas que xente traballando, na que os problemas seguen a ser os mesmos de hai décadas”, e reivindicou un rural no que poder “vivir ben, con emprego no sector primario pero tamén na industria, cunha aposta pola I+D+i. En definitiva, crer en Ourense e para iso precisamos unha forza propia que a defenda”.

Artigos relacionados

Back to top button