PolíticaÚltima hora

Iago Tabarés: “O BNG é garantía de que se falará da provincia de Ourense e de Galicia en Madrid”

O cabeza de lista do BNG ao Congreso por Ourense participaba nun mitin no Barco xunto a Roberto Quiroga, candidato valdeorrés ao Senado, Suso Vilasánchez e Dolores Rodríguez

Na realidade ourensá actual e naquilo que non se ten feito ata agora pola provincia dende o Estado poñía o foco na súa intervención no Barco o candidato do BNG ao Congreso, Iago Tabarés, na tarde do 17 de abril. “Para os que levamos Ourense e Galicia no corazón é triste ver as estatísticas. Estamos a perder poboación e a maior parte dela na mesma franxa de idade: menores de 35 anos. Isto é algo que afecta ao presente e que condiciona gravemente o futuro. Hoxe temos máis pensionistas que traballadores, e as pensións máis baixas de todo o Estado, un 30% de media máis baixas. E logo está o sistema de privatización dos servizos públicos”, apuntaba.

Malia esta situación, Tabarés aseguraba que “non son pesimista, se estou aquí é porque confío en que a xente de Ourense ten capacidade para saír desta situación”, fronte “aos gobernos do PP e do PSOE, que abandonaron á provincia”, contrapoñía o “voto útil  ao BNG” por varios motivos. “Primeiro, porque é a garantía de que a dereita rancia non vaia gobernar no Estado”, tamén porque “o BNG é garantía dun incremento nas pensións mínimas” e de que “se falará de Galiza e de Ourense en Madrid”, engadía.

O candidato nacionalista ao Congreso dicía ademais que “defenderemos os sectores produtivos e as infraestruturas”, sinalando que o “AVE non cubre todas as necesidades” e aludindo de forma específica á necesidade de mellorar o ferrocarril de cercanías e estradas como a N-120 ou a OU-533. Mencionaba tamén a importancia de poder contar cunha “tarifa eléctrica galega” e poñía en valor a lingua galega, “que é a nosa identidade, o noso patrimonio”, e que ademais “ten unha repercusión no PIB, xera riqueza propia”. Nese senso pedía que a xente vote “pensando en Valdeorras, en Galicia, non pensando noutros territorios, senón pensando por primeira vez en nós”.

 

O candidato nacionalista ao Congreso, durante a súa intervención no Barco./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

O discurso de Tabarés pechaba o mitin do BNG no Barco, un acto no que estaba precedido por tres intervencións. A primeira delas era a de María Dolores Rodríguez (número 2 da candidatura nacionalista ás municipais neste concello), quen lembrou que dos 23 deputados que se elixirán en Galicia o vindeiro 28 de abril, 4 serán da provincia de Ourense, incidindo ademais na “probada experiencia política e no demostrado compromiso político coa nosa terra” dos candidatos do BNG.

Deseguido, Suso Vilasánchez, candidato á alcaldía do Barco e responsable comarcal do BNG, resaltaba que “xogámonos moito nestas eleccións” e diferenciaba entre “deputados nados en Galicia” e os que exercen como galegos. “Os do PP e os do PSOE teñen os seus amos espirituais en Madrid e seguen as instrucións que lles mandan, non lles importa Galicia”, comentaba. E resaltaba que “nós pretendemos evitar iso, queremos que Galicia volva ter voz propia, por iso queremos ter en Madrid aos deputados do BNG, que levan a Galicia no corazón e na cabeza”.

En terceiro lugar tomaba a palabra Roberto Quiroga, candidato valdeorrés ao Senado e responsable local do BNG da Rúa, quen cualificaba a campaña das eleccións xerais de “gris”. “Nela” proseguía, “non se fala dos problemas do país, veñen a falarnos de temas que nada teñen que ver con nós, coa nosa realidade, o que me parece dunha irresponsabilidade tremenda”. Para Quiroga o primeiro que se debería facer nesta campaña “é un balance do que fixeron nos últimos anos os que estiveron en Madrid, os cidadáns deberán comparar quen defende ao país e quen se esquece totalmente de nós”.

 

O valdeorrés Roberto Quiroga, candidato ao Senado./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Quiroga citaba os tres obxectivos que teñen en común os candidatos do BNG “traballar, defender a comarca, a provincia e o país e rematar coa corrupción”. E centrábase nas cuestións que seguen estando pendentes en Valdeorras e que “foron esquecidas unha e outra vez por parte dos nosos representantes”. Entre elas incluía un tren de cercanías, “un tren de altas prestacións que nos permita chegar nunha hora a Ourense” e a mellora do “estado da N-120 que está parcheada. Fálase de cando vén a A-76, pero ¿cando se vai arranxar a N-120?”. Para o candidato rues “o BNG é a única forza política que, cando está, con ela están os problemas do país que nos falan da realidade, do día a día. Pido o voto ademais da xente que non é nacionalista porque esas persoas tamén sufren o estado da N-120”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button