CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

IES Sobradelo-Carballeda, un centro único para estudar o Ciclo Medio de FP de Construción

O prazo para realizar a proba de acceso abrirase do 15 ao 26 de marzo

 

Cubertas, interpretación de planos, albanelería, formigón armado, organización, impermeabilización e illamentos, medicións e presupostos,… Son algúns dos temas nos que se poden formar os alumnos que se matriculen no IES Sobradelo-Carballeda de Valdeorras, a antiga Escola Técnica de Colocadores de Pizarra, ubicada no Centro Tecnolóxico da Lousa (Candís, S/N).

Trátase dun centro de ensino público no que unicamente se imparten as ensinanzas de Ciclo Medio de Construción, da familia profesional de Edificación e Obra Civil. “É un centro que conta con varias aulas e un taller, dous profesores e un grupo de alumnos”, explica a directora, Begoña Llamas, asegurando que ofrecen unha formación de futuro. “É certo que houbo unha crise importante no sector pero a construción segue estando aí. A obra nova anda escasa pero hai que manter o que temos, facer rehabilitacións,… Ademais coas novas normativas e esixencias para os edificios polo aforro enerxético, coa necesidade de coñecementos sobre illamento e demais, necesítanse novos profesionais. A maiores de que se poden poñer como autónomos, as empresas están requerindo man de obra cualificada”, di Begoña asegurando que se trata dunha profesión na que todos os días hai novos retos.

 

 

A formación no IES Sobradelo está orientada a maiores de 18 anos aínda que tamén se podería aceptar algún alumno de 16-17 anos en casos específicos. Trátase dun ciclo modular e consta de 2.000 horas (dous cursos) con 13 módulos de teoría e moita práctica no taller, ademais da FCT. “Os dous cursos impártense no centro e a Formación en Centros de Traballo, de 410 horas, serían as prácticas nunha empresa”, puntualiza a directora do centro. O horario é de mañá.

Con respecto ás condicións de acceso, poden ser vía académica, con proba de acceso ou con experiencia profesional. No primeiro caso pode accederse co gradurado en ESO ou equivalente; con 2º de Bacharelato (antigo BUP), incluso con dúas asignaturas suspensas; co 1º Grao de FP; ou coa FP Básica; e tamén a través do Programa de Cualificación Profesional Inicial (PCPI). A xente que non ten estudos tamén pode acceder cunha proba. “Antes facíanse dúas ao ano e agora unha anual, que este ano témola o 27 de maio e para iso hai que inscribirse do 15 ao 26 de marzo”, explica a directora.

 

 

Ademais da saída profesional, outra das vantaxes do IES Sobradelo é que as ensinanzas son gratuítas e o alumno recibe todo o material que pode necesitar, incluído bolígrafos e carpetas. A parte práctica do ciclo realízase no taller co que contan no centro e tamén nos terreos colindantes.

Para máis información ou matrícula pódese chamar ao 988 78 85 75 ou enviar un correo electrónico a ies.sobradelo.carballeda@edu.xunta.es.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button