CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

IES Xermán Ancochea Quevedo da P. de Trives, un referente na FP vencellada á familia de Electricidade

O prazo de preinscrición no instituto trivés vai do 23 de xuño ao 5 de xullo

Unha clase de Electricidade no IES Xermán Ancochea.

 

A Xunta abre mañá, 23 de xuño, o prazo de solicitude para as máis de 37.500 prazas de Formación Profesional para o vindeiro curso, dando así por concluído o do 2021/2022, un dos máis complexos dende a chegada do Covid-19. Polo menos así o resume o director do IES Xermán Ancochea Quevedo, da Pobra de Trives, Francisco García, quen explica que a pandemia fixo que os centros tiveran que afrontar unha situación especial “e dos cursos que se viron afectados, este foi o que tivo máis cambios porque tivemos que ir adaptando e aplicando a práctica docente á evolución da pandemia. Foi quizais o ano que máis incidiu a nivel de contaxios e na práctica diaria”, recoñece Francisco.

Pero este foi tamén o curso da recuperación en canto ás actividades extraescolares e complementarias. Como principal novidade no instituto trivés destacan a posta en marcha dunha radio escolar, así como a participación en contratos programa e en plans Proxecta. A nivel de actividade complementaria do Ministerio participaron nun Plan de Inmersión Lingüística en inglés e no programa Charlas Literarias, tendo ademais a oportunidade de acreditar alumnos de Bacharelato en inglés, entre outras.

 

Fachada do instituto da Pobra de Trives.

 

Con respecto á oferta educativa o IES Xermán Ancochea conta con ESO, con seccións bilingües; Bacharelato, polas modalidades de Ciencia e Tecnoloxía, Humanidades e Ciencias Sociais; e os tres graos en Formación Profesional: FP Básica de Electricidade e Electrónica, Grao Medio de Instalacións Eléctricas e Automáticas e Grao Superior de Sistemas Electrotécnicos e Automatizados.

As datas de matrícula para ESO e Bacharelato van do 25 de xuño ao 10 de xullo; e para Formación Profesional hai dúas fases. A preinscrición, para os graos Medio e Superior empeza mañá e remata o 5 de xullo e pódese facer presencialmente na secretaría do centro ou a través da aplicación da Consellería de Educación (www.edu.xunta.gal/ciclosadmision) onde os alumnos escolllen os ciclos que queren facer e onde por orde de prioridade, “é como a reserva da praza”, puntualiza o director do centro. As listas definitivas saen o 19 de xullo e a partir dese momento poden facer efectiva a matrícula nos centros que teñan asignados ata o 22 de xullo.

Malia ter un ampla oferta, Trives e o seu instituto sempre destacaron pola FP vencellada á familia de Electricidade, un sector cun presente e un futuro moi prometedor cunha gran capacidade de inserción laboral, especialmente para o alumnado do grao Superior que en seguida se enrola no mercado. “Moitos traballan en empresas punteiras, outros en empresas auxiliares, outros en pequenas e medianas empresas e outros incluso son emprendedores e montan a súa propia empresa porque co ciclo Superior saen co carné de instalador e co carné básico de telecomunicacións”, di Francisco, engadindo que ademais actualmente hai moita mobilidade no mercado laboral, “porque hai máis demanda de profesionais titulados que xente con título. Estamos nun momento moi bo para a FP”.

 

Taller de electricidade no IES Xermán Ancochea.

 

O centro trivés destaca tamén polo importante convenio de prácticas, con ata 37 empresas, algunhas delas punteiras; e entre as peculiaridade está tamén o baixo ratio de alumnos en relación ao profesorado, o que implica clases moi personalizadas con gran atención á diversidade, que permite un maior éxito educativo.

De cara ao futuro o reto que teñen por diante en Trives é seguir potenciando a familia profesional que está nuns anos de moito crecemento e manter a oferta educativa, así como seguir acadando os bos resultados académicos que sempre caracterizaron ao centro, e “adaptarnos á era dixital”, puntualiza Francisco. Ante os cambios nos soportes de educación, con aulas virtuais, blogs e espazos complementarios á práctica docente tradicional, “a dixitalización no centro non só no ensino senón nos departamentos administrativos e de xestión é quizais o gran reto para a docencia na década do 2020.  Camiñamos cara o mundo dixital, sen retorno”, sentencia o director do instituto.

Fotos cedidas.

 

Artigos relacionados

Back to top button