CulturaCulturaÚltima hora

Ignacio Castro presenta “Pontes co diaño” en Compostela

O acto terá lugar o vindeiro 25 de febreiro na Fundación Granell ás sete e media da tarde
Portada do novo libro de Ignacio Castro, "Pontes co diaño".
Portada do novo libro de Ignacio Castro, “Pontes co diaño”.

Ignacio Castro, pensador e crítico de arte compostelán, reúne no seu novo libro “Pontes co diaño” doce entrevistas súas de temáticas moi diferentes, con tons e rexistros diversos e publicadas en varios medios de comunicación. Nelas Castro adéntranse “por vieiros pouco transitados” de áreas como a literaria, a política, a social e tecnolóxica, a dos afectos… Pero mantendo sempre unha crítica á “nosa depresiva integridade cultural”.

En cada unha delas aproveitouse o momento “para intentar falar dende e para calquera, co rexistro anónimo que todos levamos dentro, aínda que normalmente só toma a palabra nalgúns pasaxes clandestinos. Todos os encontros tiveron a súa atmósfera propia, a novidade dunha situación na que un se escoita dicir, escaravellando debaixo de si, algo que non sabía”, segundo informa o autor.

Este libro será presentado o vindeiro mércores 25 de febreiro ás 19:30h. na Fundación Granell (praza do Toural) en Santiago. No acto participarán Pepe Arias, director da editorial; Eva Garea, profesora; e o autor, o filósofo Ignacio Castro.

Con “Pontes co diaño” pretende “cavar nas relacións ocultas no universo do político, onde parecemos estar moi enfrentados ideoloxicamente, para denunciar o firme pensamiento unitario que nos frea, dificultando o recoñecemento do mundo novo que se abre baixo nosos ollos”. O volume está estruturado en quince apartados. Así a maiores das doce entrevistas, inclúe un limiar, un epílogo e as biografías dos entrevistadores: Pedro Ferrández, Pablo Chacón, Alex Serrano, Gonzalo Trasbach, Sofía Lancho, Marcos Lorenzo, Oriol Leira, Fernando Franco e César Rendueles.

Aparte de múltiples artigos, Castro ten publicado libros como “Sociedad y barbarie” (Barcelona, 2012), “Roxe de sebes” (A Coruña, 2011), “Formas da indefinición” (Rianxo, 2011), “Votos de riqueza” (Madrid, 2007), “La depresión informativa” (Bos Aires, 2011), “Crítica de la razón sexual” (Barcelona, 2002), “La explotación de los cuerpos” (Madrid, 2002) e “Alén da fenda” (Santiago, 1994).

Artigos relacionados

Back to top button