CulturaCulturaÚltima hora

Ignacio Vilar comparte o seu último filme cos veciños de San Roque (A Rúa)

"María Solinha" era proxectado ao aire libre na noite deste xoves 19 de agosto

 

Dende a súa estrea en xuño de 2020, María Solinha, a última longametraxe do director valdeorrés Ignacio Vilar, leva percorridos máis de 150 concellos de toda Galicia, Castela e León e Portugal en formato Cine na Rúa e Autocine.

Nesa etapa de promoción e en plenas festas de San Roque, na noite deste xoves 19 de agosto o filme e o seu director recalaban na Rúa Vella. Nun ano normal, tal noite coma esa sería a do teatro con A Ruada na praza César Conti, abrindo un programa de festas que se estendería ata o vindeiro luns. Pero a situación sanitaria, marcada aínda pola pandemia de Covid, obrigaba a mudar o formato lúdico e no lugar de teatro, era o cine ao aire libre quen protagonizaba a cálida noite de agosto no campo de San Roque.

 

Ignacio Vilar presentado o filme no campo de San Roque, na Rúa.

 

Antes da proxección, o propio Ignacio Vilar dirixíase ao público lembrando a antiga romaría que se celebraba polo San Roque. “Viñamos dende Petín e pasabamos unha boa festa”, dixo, explicando que María Solinha é a súa sétima longametraxe, e narra a reconstrución a través do teatro, da historia dunha muller acusada de bruxería e queimada pola Santa Inquisición no ano 1621.

Diante dos seus veciños valdeorreses, Vilar, que reside en Vigo, contaba a lenda que o inspirou. “Houbo un tempo en que a vila de Redondela era atacada por un temible Dragón, que roubaba as mulleres xoves para levalas ás profundidades da ría, debaixo da ponte da illa de San Simón, onde as violaba vilmente, ata que un día, os mariñeiros conseguían aplacalo, castralo e matalo”, dixo, puntualizando que ese dragón na antigüidade, tiña forma de animal; no século XVII de Inquisidor; e agora, en pleno século XXI, volveu a cambiar de forma e ataca ás mulleres en “manada”. “Esta película é o meu gran de area contra o dragón e para que non haxa máis María Solinha”, remataba o director, dando paso á proxección.

Fotos: Mónica G. Bellver.

 

Artigos relacionados

Back to top button